Xunta e empresarios mantiveron un encontro sobre dinamización da língua galega

davO secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo un encontro de traballo coa xunta directiva da Asociación de Empresarios de Ferrolterra e con membros da dirección de AENOR no marco do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 que está a elaborar a Xunta de Galicia. Este documento busca incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, reforzar o seu ámbito de influencia e prestixio, e servir de efecto multiplicador no resto da sociedade.

Nesta xuntanza, Valentín García salientou as ‘boas expectativas’ que esperta o devandito plan, logo de que o documento inicial do mesmo lle fora remitido a un gran número de entidades vinculadas ao tecido socioeconómico. Nunha primeira etapa, a Consellería perseguía a incorporación do máximo número de achegas posibles desde todos os ámbitos sociais. Gran cantidade de entidades ofreceron xa as súas propostas.

Con este importante volume de achegas e de entidades implicadas, o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 atópase fase inmediatamente previa á súa aprobación, prevista para finais deste ano 2015.

Ademáis de Valentín García, na cita deste venres estiveron José Ramón Franco, presidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra; Martín Pita, director en Galicia de AENOR; e David Sobral, secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais. O encontro súmase á rolda de consultas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a manter con axentes estratéxicos na galeguización do tecido económico galego, e que xa incluíu contactos co Foro Enrique Peinador, con cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), con diversas asociacións e confederacións de empresarios, e coa Irmandade Galega de Adegueiros (IRGADE).

Valor engadido da lingua galega

No espírito do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2010, o idioma propio de Galicia preséntase como un valor engadido no ámbito empresarial, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. Un dos aspectos principais é que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un extra de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode supoñer tamén un beneficio económico.

Para reforzar esta idea, a Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña “Exportar en galego” que está a dar moi bos resultados á hora de que os responsables das empresas descubran e intensifiquen as oportunidades dos países da lusofonía -con máis de 250 millóns de falantes- e con algunhas das economías máis emerxentes do mundo.

Trátase, por tanto, de crear conciencia de que o uso do idioma galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, así como as relacións laborais, comerciais e bancarias.

Máis de 70 actuacións

O documento establece cinco áreas principais que son a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e mailo comercio. A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.

O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de fixaren comportamentos.

 

Lea también

Xavier Alcalá e Manel Cráneo presentan en Ares a novela gráfica ‘Cinza’

O salón de actos da Alianza Aresana acolle o venres 19 de abril, ás 19:30 …