«El Descendimiento», un cadro de Agustín Robles agachado no Centro Cultural Municipal

foro amigos ferrol-1El Foro de Amigos de Ferrol quere denunciar a política oscurantista da Concellería de Cultura e dos responsables do Centro Cultural da rúa do Hospital no que atinxe ás obras pictóricas alí gardadas.

—-ooOoo—-

A capela do cemiterio ferrolán de Canido foi edificada desde Xullo de 1806 ao mesmo mes do ano 1808, valorando o encargado da súa construción, o arquitecto municipal Miguel Ángel de Uría, o seu costo en máis de cento nove mil reais de vellón. O templo, que presidía a desaparecida necrópole funeraria no seu centro, tiña orientada a súa fachada cara ao norte e a entrada do seu pórtico constituía tamén a porta principal do cemiterio. Ao longo do tempo a capela sufriu diversas modificacións, reparacións e engadidos, ata a súa actual utilización como templo parroquial de San Rosendo de Canido.

A fachada principal reflicte a racionalidade típica do clasicismo, amosando un sobrio frontal, practicamente mural e desprovista de adobíos, coroándose cun sólido friso e un amplo frontón triangular. O conxunto rematábase cunha sólida cruz de pedra colocada sobre un pedestal no remate do frontón, levando ao seu pe un anagrama, tamén pétreo, de Cristo. A cruz foi retirada durante a Segunda República, substituíndose posteriormente pola actual, feita tamén de pedra, máis sinxela e máis pequena que a orixinal.

cementerio-capilla

O arquitecto construtor da capela,  Miguel Ángel de Uría, tamén foi o autor do deseño do retablo do altar principal que quedou listo en Maio de 1816, un esmerado traballo en madeira dourada do ebanista Miguel Vilariño, contratado en cinco mil setecentos reais. O retablo rematábase dunha cruz co seu sudario, flanqueada de dous serafíns de tamaño natural, obra feita polo escultor Francisco Senra en Decembro de 1816. Os retablos previstos para os altares laterais non se chegaron a construír por razóns económicas, mentres que o conxunto do retablo central e o seu remate hoxe se atopa desaparecido.

O 28 de Xuño de 1815 o pintor Agustín Robles presentou ao Concello de Ferrol un presuposto pola cantidade de dezaoito mil reais de vellón polo traballo de realizar catro cadros de temática relixiosa para adobialos tres altares previstos na capela. O primeiro deles foi contratado por seis mil reais de vellón, sendo un lenzo interesante e de boas proporcións, titulado «La unción y el entierro de Cristo”, máis coñecido por «El Descendimiento». Rematado no mes de Maio do ano 1816, foi colocado no centro do retablo do altar principal. Os outros tres cadros non se chegaron a realizar.

cementerio-el descendimiento

O cadro, duns 2 x 4 metros de tamaño, consiste nunha copia dun lenzo de Antonio Rafael Mengs, de quen se di que foi alumno Robles, onde predomina o equilibrio e a contención dentro da pouco relevo da composición e dunha curta gama cromática na que destacan os colores pardos. O cadro céntrase en primeiro plano cunha tradicional escena da Pasión que amosa a Cristo xacente, acompañado da Virxe María, San Xoán Evanxelista e María de Magdala, e ata un total de trece figuras case de tamaño natural, mentres que ao fondo amósanse as tres cruces do Calvario.

No ano 1932 retirouse o citado cadro da capela por mor da Lei de Secularización dos Cemiterios e, segundo informacións non contrastadas, foi mercado pola parroquia de San Xulián, que pagou a cantidade de 500 pesetas. Estivo logo colocado na capela do novo cemiterio de Catabois, desde a súa inauguración o 12 de Xullo do ano 1945 ata o ano 1994, en que foi levado ás dependencias do Centro Cultural Municipal de Ferrol, por mor das humidades á que estaba sometido.

Unha vez que foi restaurado o cadro e grazas ao interese do entón concelleiro de Cultura da cidade, Bonifacio Borreiros, o único concelleiro merecente de parabéns nestes últimos anos no seu labor a prol da cultura, foi exposto publicamente durante algún tempo nun lugar destacado do devandito Centro Cultural. Hoxe, como tantas outras obras artísticas de interese, esta notable obra durme o sono dos xustos agachado nas dependencias dese deprimente Centro Cultural da rúa do Hospital. A Cidade Ensimesmada continúa a ser incapaz de crear un Museo da Cidade.

Lea también

El «XVI Concurso de Piano Sociedad Artística Ferrolana-2024» se celebra este sábado día 20

La Sociedad Artística Ferrolana (SAF), celebrará este sábado día 20 en horario de 10 a 14 …

Un comentario

  1. Este excelente artículo me trajo a la memoria mis visitas de niño en fechas señaladas a este cementerio y los panteones que había a la entrada y repartidos por diferentes sitios de distintos personajes de Ferrol,que a mis ojos de niño eran bellos,dentro de la tristeza.Una lástima que desaparecieran.