O Concello de Narón convoca reunións informativas para valorar o servizo de internet na zona rural

(Natalia Hermida, edil de Novas Tecnoloxías)
(Natalia Hermida, edil de Novas Tecnoloxías)

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a convocatoria dun total de sete reunións informativas abertas á veciñanza da zona rural para abordar a calidade da conexión ao servizo de internet nas diferentes parroquias. A edil explicou que as xuntanzas se celebrarán nos locais sociais, estando convocada a primeira das citas para o vindeiro martes, día 24, no de San Xiao, a partir das 20.30 horas. Acompañará á concelleira en cada reunión un técnico na materia.

Tras varias queixas recibidas no Consistorio relativas á falta de cobertura de internet cun mínimo de calidade nalgunhas zonas, o Concello mantivo unha reunión con representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta de Galicia, co fin de trasladarlle esta problemática. Na reunión o Concello comprometeuse  a enviar un informe da calidade da cobertura de internet na zona rural e, deste xeito, colaborar coa administración autonómica na procura de melloras e solucións.

Con esta finalidade, explicou a concelleira de Novas Tecnoloxías, convocáronse as xuntanzas que comezarán a vindeira semana. Trala prevista en San Xiao o día, 24, as seguintes terán lugar no local social municipal de San Mateo, o 27 de novembro ás 20.00 horas; no local da AVV de Pedroso, na antiga cooperativa, o 30 deste mes ás 20.00 horas; e nos locais sociais municipais de Castro, o 1 de decembro; Sedes, o 3 do vindeiro mes; Doso e O Val, o 10 e o 11 de decembro, respectivamente, tamén ás 20.00 horas en todas estas parroquias.

A edil subliñou a importancia de que os veciños e veciñas acudan a estas reunións e cubran as enquisas que se lles facilitarán nos locais sociais das parroquias «para estar informados de primeira man dos pasos que estamos dando desde o Concello e solventar as posibles dúbidas que xurdan ao respecto».

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …