Falece o escritor e teólogo Xosé Chao Rego. Foi párroco de Santa Mariña

xose chao rego(Praza pública)-Un día despois da morte de Xosé Neira Vilas, o mundo da cultura galega recibiu un novo pau co falecemento do teólogo e tamén escritor Xosé Chao Rego aos 83 anos de idade en Compostela.  Nado en Vilalba, foi promotor de revistas de renovación cristiá como «Irimia» e «Encrucillada», habitual columnista da prensa galega e Premio da Crítica de Ensaio en Galego en 1984 por «Eu renazo en galego» e en 2005 por «O demo meridiano».

O teólogo e escritor impulsou revistas de renovación cristiá como «Irimia» e «Encrucillada»
Xosé Chao estudou filosofía en Salamanca e Madrid e teoloxía en Roma e foi consagrado sacerdote en 1956 na basílica de San Pedro. Ademais, foi profesor do seminario de Mondoñedo e párroco de Santa Mariña do Vilar en Ferrol (1959-1976), nun período clave dos últimos anos do franquismo. Acaba regresando á súa casa natal de Vilalba, onde dedica a súa vida ao estudo e á publicación cultural e relixiosa, converténdose nunha das principais figuras de todo o Estado sobre temas teolóxicos e antropolóxicos.

Exerceu tamén como profesor de instituto en Vilalba e en Santiago de Compostela e unha das figuras clave da renovación cristiá e do galeguismo que se artellou arredor das publicacións católicas que el mesmo impulsou. Irmán do xornalista e escritor Ramón Chao e tío do músico Manu Chao, desde 2002 foi socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Entre a súa inmensa obra destacan «Prisciliano, profeta contra o poder», «Para comprendermos Galicia», «A condición homosexual», «¿Por que nos sentimos culpables?», «O sexo, a muller e o crego» ou «Itinerario da conciencia galega», entre moitas outras creacións.

O velorio de Xosé Chao levarase a cabo no tanatorio de Boisaca e o funeral terá lugar este mesmo domingo.

Lea también

La segunda temporada de ‘Rapa’ se estrena en junio

Este martes 28 de marzo se ha presentado el primer episodio de la segunda temporada de …