A coruñesa Blanca Riestra gaña o XXVII Premio de Narrativa «Torrente Ballester»

blanca riestra A escritora coruñesa Blanca Riestra é a gañadora da vixesimosétima edición do premio de narrativa «Torrente Ballester», convocado pola Deputación da Coruña. A novela de Riestra «Greta en su laberinto» impúxose na decisión do xurado entre as 512 obras presentadas.

O xurado do XXVII Premio de Narrativa »Torrente Ballester» valorou da novela de Blanca Riestra Greta en su laberinto “o feito de se tratar dun relato post apocalíptico cunha forte carga crítica sobre a sociedade actual, vítima do seu propio desenvolvemento tecnolóxico, dos abusos de poder e da corrupción”.  No fallo que dá conta da decisión de escoller Greta en su laberinto como gañadora da nova edición do certame explica que se trata dun «relato de ambientación post dixital» que «advirte dos excesos da nosa civilización».

Comisariado por Mercedes Monmany, o xurado do Premio Torrente Ballester estivo composto ademais por Amalia Iglesias, Ángel Basanta, José Antonio Ponte Far, José María Pozuelo, José María Paz Gago e Berta Vías Mahou, gañadora da pasada edición do premio.  A escritora Blanca Riestra presentou a novela gañadora baixo o lema Ziggy Stardust, título do célebre disco de David Bowie publicado en 1972.

«Novela xeracional, a narración realiza unha radiografía das consecuencias ás que podería levar a vida tal como a coñecemos hoxe, rexida pola omnipresente compoñente tecnolóxica que pode chegar a controlala e destruíla. Descríbese un mundo dominado pola rede de redes que se metaforiza aquí en estrutura dominante e ditatorial», explica o xurado.

Blanca Riestra

Nacida na Coruña en 1970, Blanca Riestra é narradora e poeta e ten publicado oito novelas e libro de poesía. A súa primeira obra Anatol y dos más inauguraría en 1996 unha traxectoria literaria á que se ían sumar La canción de las cerezas (2001), Premio Ateneo Joven de Sevilla, El Sueño de Borges (2005), Premio Tigre Juan, Todo lleva su tiempo (2007), finalista do Premio Fernando Quiñones, Madrid blues (2008), La noche sucks (2010), Vuelo diurno (2012) e Pregúntale al bosque (2013), premio Ciudad de Barbastro. A poesía incorporaríase a súa bibliografía en 2010 con Una felicidad salvaje.

Na actualidade Blanca Riestra é directora literaria da colección «Versión Céleste» da editorial francesa Orbis tertius , profesora de CESUGA e investigadora asociada da UDC.

Á XXVII edición do Premio de Narrativa «Torrente Ballester» presentáronse 512 obras, 53 delas procedentes de Galicia. Concorreron á convocatoria obras procedentes de Italia, Alemaña, Estados Unidos de América, Chile, México, Arxentina, Holanda, O Salvador, Uruguai, Francia, Perú, Colombia, Venezuela, Brasil, Suecia, Ecuador, República Dominicana, Israel e o resto do Estado Español. O premio está dotado con 25.000 € e a publicación da obra.

Pedro Crespo abriría en 1989 a relación de gañadores e gañadoras do Premio «Torrente Ballester» que integran nomes como Ignacio Martínez de Pisón, Víctor F. Freixanes, Antonio Pereira, José María Parreño, Manuel Rivas, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Vázquez Pintor, Xesús Constela, Luísa Castro, José María Merino, Carlos Reigosa, Milagros Frías, Esther Bendahan, José María Guelbenzu ou Berta Vías Mahou.

 

Lea también

La Facultad de Fisioterapia de la UDC acoge una jornada internacional sobre la pediatría

El Grupo de Neurociencia y Control Motor (NEUROcom), el Departamento de Fisioterapia, Medicina y Ciencias …