A Deputación edita un libro sobre a historia do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro

catalina montefaro ares 23-1

O mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, no concello coruñés de Ares, acolleu na tarde deste venres a presentación dun libro sobre a historia do cenobio editado pola Deputación da Coruña.

O acto contou coa asistencia do presidente da institución provincial, Valentín González Formoso; o alcalde de Ares, Julio Iglesias; o historiador e arqueólogo Juan A. Carneiro, autor do libro, e o fotógrafo José Pardo, que se encargou das fotografías que ilustran a publicación.

A través das súas 81 páxinas, O mosteiro de Santa Catalina no espazo e no tempo repasa a traxectoria histórica dun cenobio «cheo de historia e cheo de historias», segundo afirmou González Formoso, que destacou a «gran influencia que durante séculos tivo na vida social, económica, cultural, relixiosa e incluso militar da comarca».

«Dende a Deputación quixemos colaborar na disfusión e posta en valor da historia de Santa Catalina de Montefaro e das súas múltiples singularidades», afirmou González Formoso, que felicitou aos autores polo seu «magnífico traballo que nos servirá para descubrir algúns dos segredos que, ao longo dos séculos, gardaron estas paredes de pedra, testemuñas da historia desta comarca».

Pola súa banda, o alcalde de Ares, Julio Iglesias agradeceu á Deputación o apoio prestado para a publicación desta obra, que contribuirá a dar a coñecer un pouco mellor «unha peza fundamental do noso patrimonio».

O autor da publicación, Juan A. Carneiro Rey, fixo un repaso pola evolución histórica do mosteiro e das numerosas vicisitudes que atravesou dende a súa fundación, a expensas do señor de Andrade Fernán Pérez o Bó a finais do século XIV ata a actualidade.

Cun estilo artístico de transición entre o románico e o gótico, o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro foi un dos cenobios que gozou de maior influencia en todo o Golfo Ártabro, xa que a orde franciscana que o rexía mantiña tamén a ermida de Chanteiro, rexentaba o hospital de pereginos de Pontedeume, recadaba os impostos de Mugardos, e xestionaba unha ampla biblioteca, dado que o cenobio foi tamén durante un tempo centro de estudos de teoloxía moral.

A desamortización de 1836 marcou o declive desta gran influencia comarcal do mosteiro, que foi abandonado e pasou a mans do poder civil e militar, sendo usado como escola e cuartel, ata a súa cesión temporal ao Concello de Ares no ano 2000.

A Deputación da Coruña editará un total de 2.000 exemplares nesta primeira edición do libro, que serán distribuidos entre as bibliotecas públicas dos concellos da provincia.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …