Adxudicadas as obras de construción do Centro Sociocultural de Pedroso

A oferta presentada pola empresa Vila Miño Construcciones para a execución das obras de construción do Centro de Dinamización Sociocultural de Pedroso, que se localizará na antiga reitoral da parroquia, resultou a mellor valorada na Mesa de Contratación, que propuxo a adxudicación dos traballos á citada compañía. «Ao concurso convocado desde o Concello presentáronse un total de quince empresas», recordou o alcalde, José Manuel Blanco.

A actuación licitouse en 360.948,69 euros pero executarase por un importe de 270.242,28 euros, ao presentar a empresa unha baixa de 90.706,41 euros no apartado económico. O rexedor local valorou o remate do proceso de adxudicación desta intervención, que representa «un compromiso adquirido no seu día cos veciños e veciñas de Pedroso e que este mesmo ano permitirá que dispoñan dun espazo en condicións para desenvolver actividades e como lugar de encontró».

A intervención consistirá no acondicionamento da planta baixa, onde se habilitarán unha cafetería e unha cociña e no primeiro andar ubicaranse dous locais que ocuparán asociacións de Pedroso. Co fin de que a nova construción se adapte á tipoloxía da zona, procederase a demoler a segunda planta. Así mesmo o baixocuberta reservarase como arquivo e tamén terá outras funcións. Nos laterais da actual edificación construiranse dous bloques anexos, un en cada lateral, que albergarán os accesos (escaleiras e ascensor) e tamén oficinas, aseos, unha sala multiusos, un cuarto para as instalacións e un almacén.

A empresa Vila Miño acometerá varias melloras na calidade do material a utilizar en estancias do interior do edificio, no da zona de estacionamento e no illamento das cubertas e da fachada, tal e como figura na proposta presentada no proceso de licitación. O prazo de execución dos traballos é de oito meses, un período que comezará a contar cando se rubrique o pertinente contrato, unha vez que a empresa achegue a documentación requerida neste tipo de procedementos. No exterior da construción procederase a acondicionar a parcela, duns 800 metros cadrados, e que poderá utilizarse para usos lúdicos e festivos.

Os traballos do Centro de Dinamización Sociocultural de Pedroso estarán cofinanciados pola Deputación da Coruña, que aportará o 80% do investimento previsto, se ben o 20% restante procederá das arcas locais.

«Con este tipo de actuacións o goberno local continúa apostando por mellorar a calidade de vida da veciñanza, neste caso das persoas que residen no rural, para que poidan gozar dos mesmos servizos que na zona urbana e contar cun espazo no que que desenvolver as actividades que programan ao longo do ano», asegurou Blanco.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …