O Portal de Transparencia do Concello de Narón estará disponible este luns

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, anunciou que o Concello terá operativo o portal de Transparencia a partir do vindeiro luns. Nesa mesma xornada presentarase aos portavoces de todos os grupos políticos municipais, que asistirán á posta en marcha da nova páxina web municipal de transparencia, á que xa poden acceder todos os administrados a través do enlace: www.naron.transparencialocal.gob.es.

O alcalde recordou que «o devandito instrumento permite dar pleno cumprimento ás obrigas que resultan da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información e bo goberno, que entrou en vigor para os Concellos o pasado mes de decembro». Previamente, a Xunta de Goberno municipal, nunha sesión celebrada no mes de xullo de 2015, acordou a adhesión do Consistorio ao acordo marco de colaboración asinado o 28 de abril de 2015, entre a Secretaría de Estado de Administración Pública e a Federación Española de Municipios e Provincias. O fin desta adhesión é, tal e como se apuntou no seu día, promover e facilitar o desenvolvemento daquela normativa nas entidades locais, asumindo expresamente a creación do portal que hoxe xa se atopa operativo.

O Concello xa tiña incorporadas na súa páxina web, que está sendo igualmente obxecto de diversas adaptacións, un bo número das informacións públicas esixidas. Coa apertura do novo portal na internet calquera usuario poderá acceder á práctica totalidade das actuacións administrativas.

A páxina estrutúrase en tres categorías, Institucional, Normativa e Económica, nas que se inclúen entre outras: Funcións; Normativa de aplicación; Estrutura organizativa; Organigrama actualizado; Plans e programas; Normas  destacadas, Normas municipais en vigor e en tramitación; Contratos; Convenios subscritos; Encomendas de xestión; Subvencións públicas concedidas; Orzamentos; Contas anuais; Retribucións percibidas; Relación de Postos de Traballo (RPT); Oferta de emprego; Bens inmobles e Vehículos.

Así mesmo, dende o goberno local comunícase que trala exposición pública da Ordenanza de transparencia, acceso á información pública, reutilización de datos e bo goberno do Concello de Narón, sen que se teñan presentadas alegacións ningunhas, procederase á inmediata publicación desa norma no Boletín Oficial da Provincia.

O alcalde valorou a inmediata posta en servizo deste portal na internet e agradeceu o «exemplar traballo e a dedicación de todo o persoal do Concello que nas últimas semanas se adicou a subir todos e cada un dos datos que se poderán consultar no citado portal de Transparencia e que se irán actualizando co fin de ofrecer á cidadanía un servizo a través do que poder consultar a través da rede unha gran variedade de asuntos relacionados co Concello».

Lea también

O BNG de Narón presenta unha moción sobre vivenda

O BNG de Narón presenta unha moción no pleno para frear o prezo dos alugueiros, …

Un comentario

  1. Si alguén fixera unha auditoria do que se puxo……….algúns non saían ben parados