O drama «Foucellas» ofrécese este sábado no Pazo da Cultura de Narón

foucellasA compañía galega Talía Teatro presenta este sábado ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, en Narón,o seu novo espectáculo, «Foucellas», a historia de mítico maquis galego, escrito e dirixido por Cándido Pazó.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou a realización desta montaxe a través da convocatoria 2015 de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica.

A  nova proposta ven referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. «Trátase dunha peza dramática que, xa pola súa escrita, contribúe a engrandecer e a dinamizar a nosa cultura teatral e que afonda, ademais, no mítico personaxe galego de Foucellas desde un exercicio dramatúrxico contemporáneo».

ESPERANZA E DERROTA

Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre ese momento histórico. Tal e como explica a compañía, abórdase ademais «o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota».

Dani Trillo asina tamén a escenografía e o deseño gráfico, mentres que Artur Trillo se encarga da distribución desta proposta, na que participan, así mesmo, Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (vestiario e maquillaxe), Manuel Riveiro (música), Auri Ferreiro (produción), Rubén Prieto (fotografía e vídeo) e Belén Pichel (axudante de dirección).

As entradas para asistir a esta  función, teñen o prezo de 9,50€ Público Xeral / 6,65€ Abonados-Carné Xove ou de Estudante(ata 25 anos)-Desempregados. + Info e Reservas: 981 102 897

Lea también

Fene conmemora o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe …