A Xunta impulsará un plan de rexeneración do banco marisqueiro das Pías en Ferrol

O voceiro do Mar do Grupo Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro, anunciou hoxe que a Consellería do Mar ten previsto impulsar de xeito inminente un plan de rexeneración do banco marisqueiro de As Pías en Ferrol.

De feito, a Administración autonómica xa tramita unha encomenda de xestión que dará continuidade aos traballos executados nesta zona no pasado e que inclúen, entre outras tarefas, a retirada do mexillón, control dos depredadores, achegas de area, a descompactación de substrato e posiblemente o posible traslado de xuvenís, explicou o voceiro.

Balseiro defendeu a utilidade destas medidas «para conseguir a mellora da capacidade produtiva deste banco marisqueiro e indicou que estas previsións coinciden coas demandas formuladas á Xunta polas confrarías de Ferrol e Barallobre».

«Dado que na intención do Goberno galego xa está acometer estes traballos, o Grupo Popular facilitou a aprobación dun acordo unánime na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia sobre unha iniciativa do BNG na que se instaba á Xunta a executar estes mesmos traballos xa proxectados», fixo constar.

Saneamento

O acordo insta tamén a avanzar no remate do Plan de Saneamento Integral da Ría de Ferrol, establecendo os prazos concretos para acadar este obxectivo. Nesta liña, Balseiro defendeu que «as infraestruturas hidráulicas do sistema de saneamento e depuración xa están na súa recta final,» e lembrou que «a posterior xestión e explotación deste sistema será responsabilidade e competencia do concello de Ferrol, con independencia de que, coma sempre, seguen a contar coa total implicación, o apoio técnico e o asesoramento da Xunta de Galicia».

O portavoz popular avanzou tamén que a Xunta ten un firme compromiso co saneamento das masas de auga da Comunidade galega, de xeito especial no que se refire ás rías produtivas. «Unha boa mostra é que a Xunta ten investido só en saneamento máis de 1.000 millóns de euros dende o ano 2009, dos que case 600 millóns foron destinados exclusivamente á depuración das rías», engadiu.

Batea de reinstalación

Pola contra, non foi posible o acordo en relación ao punto da iniciativa nacionalista que valoraba negativamente o funcionamento da batea de reinstalación de moluscos que depura aquelas especies producidas en espazos catalogados como zonas C, pola contaminación microbiolóxica que presentan.

Neste sentido, José Manuel Balseiro defendeu «seguir impulsando as bateas de reinstalación, de xeito que non teña custe para as confrarías, tal e como acontece co sistema empregado polos pósitos de Pontedeume, Miño e Corcubión». Ademais, lembrou que a Xunta xa indemniza as perdas de marisco ocasionadas por mortalidadessuperiores ao 10 por cento que se produzan durante o tempo transcorrido entre a saída e o retorno dos moluscos a lonxa de orixe.

Recuperación de capturas

Balseiro lembrou que «grazas ao sistema de reinstalación implantado no ano 2012, a ría de Ferrol recuperou no ano 2015 o nivel de capturas e vendas en fresco de bivalvos que se rexistraron no ano 2005, recuperando ademais o nivel de capturas anterior ao do peche dos bancos por zona C».

Ademais, indicou que con datos oficiais do último ano completo, as capturas no marisqueo a flote medraron un 45 por cento (pasando de 443.012 quilogramos en 2005 a 495.551 quilogramos en 2015) e o seu valor viuse incrementado máis do 21 por cento (superando os 2,6 millóns de euros). No caso do marisqueo a pé, as capturas medraron o 45 por cento (pasan e 284.469 quilogramos aos 415.000 quilogramos) e o valor económico creceu 11 por cento (ata 875.539 euros).

Lea también

La unidad UIFO de la Xunta identifica al presunto autor de varios incendios en Calvos de Randín

Tras un trabajo de investigación desde que se produce el primero de los incendios el …