Narón celebrou a festa dos maios

naron-festa dos maiosA parroquia de Piñeiros acolleu na tarde deste sábado a celebración dos actos programados polo Concello e a Sociedade Cultural Areosa con motivo dos Maios.

A edil de Cultura, Marián Ferreiro, asistiu á convocatoria, que comezou ás 17.00 horas no pavillón polideportivo de Piñeiros, onde numerosos veciños e veciñas se implicaron nas actividades que alí se sucederon durante a tarde.

A concelleira naronesa asegurou que, a pesares do mal tempo –que obrigou a suspender o desfile de Maios previsto desde o adro da igrexa parroquial ata o polideportivo- a cita, que este ano alcanzou a súa décimo novena edición, foi todo un éxito. Ferreiro agradeceu o traballo realizado pola veciñanza para manter viva na localidade a tradición dos Maios. «Un ano máis, os nenos e nenas elaboraron os seus Maios nos colexios de Narón, os veciños e veciñas fixérono desde as asociacións, ao igual que outras entidades sociais do municipio, polo que quero agradecer a súa dedicación e esforzo para que esta convocatoria fose tan exitosa» , subliñou a concelleira de Cultura.

Os diferentes Maios expuxéronse no pavillón polideportivo, onde tamén se realizou un colorido tapiz floral. A Asociación de Veciños Vixe de Fátima, de Freixeiro; a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros; a Asociación Sociocultural de Minusválidos; a asociación Semente de Trasancos, de San Mateo; a Fundación Terra de Trasancos, do Val; Os Parrandolos e o Obradoiro de Construción de instrumentos do Padroado da Cultura amosaron os seus Maios este sábado en Piñeiros. Así mesmo, no pavillón puidéronse ver os traballos do Obradoiro de arte floral organizado polo Concello.

O apartado musical da convocatoria correu a cargo dos grupos do Padroado da Cultura de Narón, que animaron ao público asistente á celebración no pavillón de Piñeiros coas actuacións que se sucederon ao longo da tarde, protagonizadas por alumnado das Escolas do Padroado. Tamén aos alumnos e alumnas das citadas Escolas agradeceu a edil de Cultura a súa participación nesta actividade festiva.

Os Maios realizados polos escolares naroneses nos colexios –nas «Unidades didácticas dos Maios» programadas desde o Padroado da Cultura- están expostos desde a tarde deste sábado no pavillón polideportivo e poderán verse tamén o domingo de 11.00 a 20.00 horas.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …