Terra Galega celebra este domingo o IV congreso do partido en Coristanco

terra galega logoAfiliados e integrantes das listas do partido nas últimas eleccións municipais participarán no proceso de elección da nova dirección nacional de TEGA

A Casa da Cultura de Coristanco acollerá mañá domingo, a partir das 11.00 horas, a celebración da cuarta edición do Congreso Nacional de Terra Galega. No transcurso da convocatoria debatiranse as ponencias políticas e enmendas presentadas e admitidas ata a xornada de onte, tal e como se estipulou no regulamento da formación, e elixirase a nova dirección nacional do partido. O prazo de presentación de candidaturas, aberto o pasado 20 de maio, pecharase mañá ás 11.00 horas.

Trala recepción dos congresistas, ás 11.00 horas, procederase a aprobar a mesa para, a continuación, o presidente de Terra Galega, Pablo Padín, dar a benvida aos asistentes, representantes do partido en diferentes concellos de Galicia. Ás 12.00 horas publicaranse as candidaturas presentadas á secretaría xeral e para a renovación da directiva nacional de TEGA e ás 12.15 comezarán as votacións para elixir á persoa que ostentará a secretaría xeral –cargo que ocupou nos últimos anos o concelleiro naronés Guillermo Sánchez Fojo– nos vindeiros catro anos. No proceso participarán o actual presidente do partido, Pablo Padín; os integrantes da Comisión do Congreso, os edís elixidos nas últimas eleccións municipais e os compañeiros que participaron nas listas nos citados comicios locais do pasado ano –aínda que non obtivesen acta de concelleiros- e afiliados.

A aprobación da ponencia política e da lista da dirección nacional da formación darán continuidade ao acto, que pechará o secretario xeral ás 12.45 horas, estando previsto o remate do IV Congreso Nacional de Terra Galega sobre as 13.00.

Lea también

La CIG convoca una quincena de manifestaciones el 1 de mayo por el «trabajo digno» y para decir «no a la guerra»

La movilización central será en A Coruña, saliendo desde a Praza de Vigo y en …