O maltrato do castro de Lobadiz

faf-SO Foro de Amigos de Ferrol pretende alertar do mal estado xeral do Patrimonio Arqueolóxico de Ferrol e do castro de Lobadiz en particular.

—-ooOoo—-
Na nosa Comunidade de Galicia os castros constitúen a forma máis antiga que se coñece de asentamento humano, sendo abondoso o número de xacementos castrexos localizados no coñecido como Golfo Ártabro, e de xeito particular nos arredores da ría de Ferrol, incluíndo o territorio que no seu intre formaba parte do antigo concello de Serantes.

Aínda que non se levaron a cabo traballos sistemáticos de escavación, publicáronse dous catalogacións na zona: as de Romero Masia e Pose Mesura do ano 1986 e a publicada no Caderno do Ateneo Ferrolán do ano 1987, ademais de traballos específicos de investigadores como Saralegui Medina, Fort Roldan, Couceiro Freijomil e ultimamente a interesante obra Ferrolterra Galaico Romana, coordenada por Alonso Troncoso o ano 1997.
Toda esta serie de traballos deron a coñecer que a comarca ferrolá é unha das que, dentro de Galicia, presenta una maior densidade de xacementos castrexos por parroquia (practicamente un castro por parroquia), ou mesmo por unidade de superficie.

(Castro de Lobadiz)
(Castro de Lobadiz)

Dentro dos once castros catalogados no antigo concello de Serantes, a maioría asentados en alturas medias dentro da orografía da zona, salientan o de Lobadiz, castro costeiro na península do seu nome, o da Croa de Fontá, relacionado coas lendas da lagoa de Doniños, o coñecido como Os Castros de Mandiá, o de Tralocastro en Esmelle, o de Papoi en Marmancón e o de Vilasanche. Entre os desaparecidos pódese citar o de Santa Icía.

Ten especial interese o castro costeiro de Lobadiz, na freguesía de San Xurxo da Mariña, fronte ás illas Gabeiras. Presenta un recinto bastante amplo de forma case pentagonal cunhas medidas duns 250 metros (eixo N-S) por 200 metros (E-W). Instalado nun promontorio ten as súas defensas situadas no istmo ao estar protexido o resto do perímetro polo propio mar. As defensas consisten nunha dobre liña de murallas cun foso intermedio.

Plano do castro de Lobadiz
Plano do castro de Lobadiz

Nas escavacións levadas a cabo puxéronse ao descuberto algúns restos de vivendas de plantas redondeadas e cuadrangulares, construídas de aparello de pouca calidade. Na entrada do unhas moreas de pedra sinalan o que puideran ser dous torres defensivas. Nas devanditas escavacións, algunhas de xeito clandestino, atopáronse algunhas pezas de cerámica típica castrexa, practicamente sen decoración, e restos de muíños de man, estando depositado parte deste material no Ateneo Ferrolán.

Ademais da inevitable agresión dos axentes naturais (mar e vento), a pesares de ser unha propiedade comunal, o castro de Lobadiz sufre constantes atentados humanos a súa integridade, desde o levantamento de casetas de verán cortando a propia muralla ata o adestramento de motos todo terreo, todo iso sen resposta algunha da administración. Desde o punto de vista inmaterial e das lendas que acompañan ao castro, algúns veciños de máis idade falan de pasadizos subterráneos ata as próximas illas Gabeiras o ao máis afastado castro da Croa en Fontá.

Lea también

Entrega de premios en Ferrol a los ganadores del IV Concurso de Fotografía “Puerto y Ciudad”

Este viernes 19 de abril, tendrá lugar en Ferrol la entrega de premios a los …