La Xunta reforza o seu compromiso coas persoas con discapacidade intelectual

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes da Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-Sociais (ASPANEPS). O encontro, no que tamén estivo presente a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, forma parte da rolda de entrevistas que se está a realizar dende o departamento autonómico co obxectivo de coñecer de primeira man as actuacións que levan a cabo as entidades que traballan no eido dos servizos sociais.

Na reunión, os representantes de ASPANEPS trasladaron as necesidades e demandas da entidade que representan para poder ofrecer os servizos máis adecuados aos usuarios, así como para prestar o apoio necesario para as súas familias. Concretamente, dende a dita entidade fixeron chegar ao conselleiro o proxecto de mellora e ampliación das súas instalacións. Pola súa banda, Rey Varela amosou o seu compromiso con este colectivo e avanzou que «a Consellería de Política Social estudará posibles vías de colaboración coa entidade, para poder facilitar a súa labor e que os seus recursos continúen a chegar ás persoas que máis o precisan, neste caso aquelas con discapacidade intelectual».

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia colabora coa entidade a través dun contrato para o centro ocupacional da entidade, sito en Fene, que oferta 20 prazas e dispón de servizo de transporte e comedor. Un servizo que proporciona á persoa con discapacidade intelectual os apoios que posibiliten a súa ocupación, promovan o seu desenvolvemento individual e faciliten a súa autonomía e participación na comunidade.

Ademais, a administración autonómica colabora con ASPANEPS a través do programa Ti mais eu, un proxecto de sensibilización sobre a discapacidade que se leva a cabo nos centros escolares de Ferrol. O obxectivo do mesmo é propiciar o coñecemento mutuo entre rapaces con e sen discapacidade para compartir experiencias que estimulen a sensibilidade social, a cooperación e a tolerancia. Os participantes, así como os seus educadores, levan a cabo diversas actividades didácticas e unha auditoría de accesibilidade do propio centro. A súa experiencia e valoración propician a educación dunha unidade didáctica editada en posters e carteis que se distribúen nos centros escolares da cidade departamental.

«Debemos favorecer a integración das persoas con discapacidade intelectual na sociedade, a través de actividades normalizadoras e da sensibilización das administracións públicas e da poboación en xeral», explicou o conselleiro de Política Social. O núcleo da acción das políticas sociais está centrado en traballar a diario por erradicar as dificultades cotiás coas que se atopan as persoas con discapacidade e na mellora do seu benestar.

Para conseguir estes obxectivos, o colectivo de persoas con discapacidade gaña en 2016 en presenza e en recursos económicos na carteira autonómica de Política Social. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos orzamentos da Xunta para a presente anualidade ata chegar aos 281,3 millóns de euros, cantidade que supón practicamente un terzo do global dos presupostos destinados ás políticas sociais.

Lea también

A Deputación financia con 303.000€ servizos de socorrismo en concellos do interior

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva …