A Xunta amplía ata os 15 millóns de euros as axudas aos bosques autóctonos galegos

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a ampliación do orzamento para as axudas destinadas ao fomento da silvicultura en bosques no medio rural. En concreto, incorpóranse 4 millóns de euros máis para cubrir esta convocatoria de 2016, co que o orzamento total ascende xa a 15 millóns de euros. Estímase que desta axuda poderán beneficiarse arredor de 600 solicitantes.

A silvicultura é o conxunto de actividades relacionadas co cultivo, coidado e explotación dos bosques. Neste caso o que se fomenta con estas axudas é a conservación, recuperación, limpeza e posta en valor dos bosques autóctonos galegos, ademais de apoiar medidas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais.

As liñas obxecto de subvención teñen que ver coa realización de prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, clareos, claras e podas, coa finalidade de prevención de incendios. Estas axudas tamén irán destinadas a tratamentos silvícolas (claras, clareos, podas, talas de formación, rozas, etc) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques.

O principal obxectivo destas axudas é o de fomentar a competitividade do sector forestal, ao tempo que se procura garantir a xestión sustentable dos recursos naturais e a acción polo clima, así como lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Ademais, búscase a mellora silvícola das masas forestais existentes, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras e o aumento da superficie forestal arborizada.

A maiores, trátase de obter montes arborizados con producións elevadas e de calidade suficiente, que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación de aproveitamentos complementarios. E a promoción da silvicultura de xeito que contribúa como fonte de xeración de emprego das persoas que viven no rural, ademais de promover actuacións preventivas contempladas na lexislación galega sobre incendios forestais.

Lea también

El Plan Único de la Diputación de A Coruña invierte 100M€ en sus ayuntamientos en 2024

El Plan Único alcanzará en abril una cifra récord que se destinará a financiar obras, …