Unha segunda vida para a Horta de Quinín en Redes, obra da A.I. de Camouco

Na imaxe: membros da Agrupación de Caamouco e de Betula diante dun retrato de Quinín, trala firma do convenio no centro social da Agrupación.
Membros da Agrupación de Caamouco e de Betula diante dun retrato de Quinín, trala firma do convenio no centro social da Agrupación.

A Agrupación Instrutiva de Caamouco acaba de asinar coa Asociación Betula para a custodia do territorio un acordo de colaboración para converter a coñecida como Horta de Quinín, en Redes, nun punto de difusión dos valores naturais. A iniciativa busca darlle unha nova utilidade a un lugar de interese que leva anos en desuso.

O proxecto conxunto entrambas asociacións pretende crear un espazo no que se poñan en valor as especies autóctonas, es especial as froiteiras, tendo como finalidades básicas a protección do medio ambiente, da biodiversidade e dos elementos de identidade do territorio. Ademais, a recuperación da Horta de Quinín suporía a creación dun lugar de encontro e de lecer para todo os veciños e veciñas de Caamouco, con acceso libre e zonas de esparcemento.

A opinión da veciñanza e de persoas expertas vai ser clave en todo o proceso de recuperación da Horta de Quinín. O proxecto presentado pola Agrupación e Betula será exposto a debate na Tenencia, para que as persoas que así o desexen fagan as súas achegas. A intención é conseguir que os veciños e veciñas da parroquia sintan este novo espazo como algo propio, implicándose no proxecto e tamén na súa conservación futura, por exemplo, a través das actividades e cursos que a Agrupación pretende organizar alí. Para a súa recuperación, ambas as dúas asociacións achegarán financiamento, na medida das súas posibilidades.

O convenio asinado pola presidenta da Agrupación, Sabela Fraguío, e o coordinador de Betula, Javier Riveiro, ten unha vixencia de cinco anos prorrogables. Durante ese tempo, a Agrupación seguirá mantendo a propiedade da parcela, aínda que todo o que se faga nela será debatido e consensuado entre os catro membros dun comité interasocietario, encargado dende agora da xestión da Horta.

A herdanza de Quinín

A parcela sobre a que se vai actuar está situada na rúa de Abaixo de Redes, en fronte ao lavadorio Novo. É propiedade da Agrupación Instrutiva de Caamouco dende 1998, ano do pasamento do pintor Joaquín Rojo Seijas «Quinín».

O artista deixou en herdanza á Agrupación esa parcela, así como a súa obra pictórica e a súa biblioteca. Dezaoito anos despois, a xenerosidade de Quinín será recoñecida de xeito permanente coa creación deste espazo natural, que levará o seu nome.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …