O Club Narón Gastronómico conta desde hoxe cunha web propia para promocionarprodutos da zona

O Club Narón Gastronómico, impulsado desde a Concellería de Promoción Económica de Narón, dispón desde hoxe dunha páxina web propia. O edil da área, Pablo Villamar, anunciou a entrada en servizo da web clubgastronomico.naron.gal.

«A través desta páxina o sector hostaleiro da cidade disporá dun completo escaparate que iremos actualizando e no que se ofrecerá información sobre produtos alimenticios cultivados e comercializados na localidade, actividades dirixidas ao sector hostaleiro e outros moitos datos que se completan cun repaso pola actividade do programa municipal “Narón Gastronómico” desde o ano 2013», indicou Villamar. Así mesmo, o edil indicou que se pode consultar na páxina información sobre a trintena de establecementos que forman xa parte do Club Narón Gastronómico e «ofrécese aos hostaleiros interesados en integrarse nesta entidade a posibilidade de facelo, de balde e dun modo moi sinxelo, a través dun formulario que poden descargar na propia web», explicou.

O edil de Promoción Económica recordou que poden formar parte deste clube, ademais de representantes do sector hostaleiro local, os de empresas produtoras e comercializadoras, cooperativas e outras entidades que traballen neste mesmo ámbito. «A través do Club Narón Gastronómico daremos a coñecer tanto o sector hostaleiro como algúns dos produtos gastronómicos propios da nosa localidade noutros concellos», asegurou o edil.

A presentación da páxina do Club Narón Gastronómico coincide co inicio da Ruta Horta de Narón, na que desde hoxe participan un total de dezanove establecementos de hostalería local. A iniciativa ten entre os seus obxectivos promocionar o Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, dous dos produtos que estarán entre os ingredientes das tapas que se servirán gratuitamente coas consumicións desde hoxe ata o domingo, día 10, e do 14 ao 17 de xullo nos establecementos adheridos. A clientela que participe nas xornadas degustando as tapas participará no sorteo de cestas con produtos da horta (dezanove, tantas como establecementos inscritos); dunha fin de semana enogastronómica no Ribeiro e de catro vales de compra nos locais de Mercaval (un por importe de 200 euros e tres de 100 euros).

A difusión do programa Horta de Narón impúlsase ademais co reparto de trípticos informativos nos que se ofrece información sobre os locais da zona urbana e rural de Narón (e a súa ubicación) que participan na Ruta gastronómica que se inicia hoxe; As “Gastroexperiencias” que se celebrarán a vindeira semana e a “XVIII Festa Gastronómica do Pemento do Couto”.

Nesta edición participan os establecementos: Mesón Bugatti, Tokiño, Romero I, Romero II, Cervexería O Druída, Cervexería Folsom-La Quinta, Cervexería Australian, Cervexería New Orleans, Cervexería Índalo, Cervexería El Mercado, Parrillada El Mercado, A Parrillada do Couto, Gastrobar Piñeiros, Mesón O Pío, Silver 200 Monjes, Cervexería O Paseo, Hostal Restaurante Carballo, Mesón O Conxuro e Restaurante A Trasanquesa.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …