Actívase unha nova técnica de depuración no Complexo Hospitalario ferrolán

Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol activa unha nova técnica de depuración renal, a Hemodiafiltración on line, coa que se consegue unha eliminación de toxinas máis parecida á do propio ril. Os pacientes con insuficiencia renal crónica que requiren tratamento de substitución ou hemodiálise contan agora coas vantaxes que aporta tamén a hemofiltración, eliminando toxinas de maior volume, entre outras cousas. Comezábase hai dous meses con esta nova modalidade de atención na Xerencia Integrada de Ferrol, e xa son catro pacientes os que se están a someter a este tratamento.

Lembrar que, en termos xerais, a insuficiencia renal crónica supón o cese irreversible da función dos riles, nun proceso que transcorre ó longo de anos na meirande parte dos casos. A diabetes e a hipertensión son as principais causas. Unha vez que o ril deixa de traballar, existen diferentes opcións de tratamento que son o transplante, a diálise peritoneal e a hemodiálise, terapias esta últimas que se poden realizar no propio domicilio do paciente. Na hemodiálise, prodúcese a limpeza do ril a través dunha membrana artificial; e na diálise peritoneal, o intercambio faise empregando a membrana natural, o peritoneo. A realización dunha ou outra depende da situación clínica do paciente; conxugado coas súas preferencias, unha vez informado das opcións de tratamento dispoñibles.

En Nefroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol, realízanse todas estas modalidades de asistencia. Como indica o seu responsable, o facultativo Pablo Bouza Piñeiro, no que se refire á hemodiálise, agora «implantouse esta nova técnica de depuración renal denominada hemodiafiltración on line, que en Galicia é pouco habitual dada a súa maior complexidade e a necesidade de contar con auga ultrapura».

Combinando dúas técnicas para mellorar o tratamento

«Esta nova modalidade de hemodialfiltración consiste no emprego conxunto da hemodiálise e da hemofiltración, mediante a aplicación dun dializador de alta permeabilidade hidráulica (membrana High Flux); e que emprega como líquido de substitución o propio baño de diálise obtido en condicións de ultrapureza, isto é, libre de bacterias e piróxenos (toxinas procedentes das bacterias capaces de producir inflamación e febre)», explicou.

Polo tanto, é requisito indispensable contar cun sistema que garanta dispor desa auga ultrapura, xa que se emprega como líquido de reposición de altos volumes. Isto quere dicir que a depuración extracorpórea limpa o sangue non só das moléculas máis pequenas, senón aquelas de maior volume, conseguindo unha eliminación das toxinas máis semellante á do propio ril humano. O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é un dos tres centros galegos que aplica este tratamento ó contar con esa auga ultrapura necesaria.

Unha das principais vantaxes da hemodiafiltración on line é que proporciona unha maior estabilidade hemodinámica ao paciente, o que se traduce nun menor risco de hipotensión durante a diálise, polo que é mellor tolerada. Ademais, os estudos dispoñibles amosan un aumento da supervivencia dos pacientes superior ó 30%.

Esta modalidade pódese aplicar en determinados pacientes concretos, e cunhas características que determinan os propios especialistas, entre elas o acceso vascular (por onde se toma o sangue do paciente para a realización da diálise), xa que para poder realizar a dialización “é necesario contar cun bo acceso vascular que permita altos fluxos de sangue”.

Nefroloxía na área ferrolá

Nefroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadíos evolutivos da enfermidade. Nefroloxía conta, ademais de Hospitalización e Consultas Externas, cunha unidade de diálise con capacidade para realizar tódalas terapias mencionadas. No caso da hemodiálise, existe para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana, e que permite activar esta nova técnica de hemodiafiltración.

A 31 de decembro de 2015, estaban rexistrados, no rexistro galego de enfermidade renal, un total de 268 pacientes da Xerencia Integrada de Ferrol: 125 en hemodiálise; 3 en hemodiálise domiciliaria; 22 en diálise peritoneal; e 118 teñen un transplante funcionante. A prevaleza das persoas a tratamento de diálise peritoneal na Xerencia Integrada de Ferrol é a máis elevada de Galicia, situándose, nesa modalidade, en 172 casos por millón de habitantes.

Dende Nefroloxía, téntase fomentar, cando o transplante renal non é posible, o emprego das terapias domiciliarias de diálise, por permitir unha maior independencia e calidade de vida ó paciente. Xunto con todo isto, dentro das consultas externas, inclúese tamén a actividade de Telemedicina, a través da que se establece un vencello cos profesionais dos centros de saúde que permite unha relación fluída, bidireccional e con reducidos tempo de resposta.

Lea también

Ferrol en Común denuncia «o menosprezo» a Recimil, Ultramar e ó rural

Ferrol en Común ven de coñecer a nova de que «o goberno de Rey Varela …