Exitosa celebración do «XVIII Oenach Altántico» celebrado na parroquia naronesa de Sedes

naron-oenachO Oenach Atlántico de Sedes, en Narón, volveu a ser, nesta décimo oitava edición, todo un éxito. Centos de persoas desprazáronse esta fin de semana –o pasado venres comezou o programa deste evento- ao recinto feiral do Trece, onde se desenvolveron diversas actividades dirixidas a públicos de diferentes idades e se recreou un ano máis o modo de vida da época castrexa. As concelleiras de Cultura e Turismo, Marián Ferreiro e Natalia Hermida, respectivamente, destacaron a gran afluencia de xente durante esta fin de semana en Sedes e valoraron novamente o papel da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, da citada parroquia, para organizar conxuntamente co Concello esta cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Na mañá deste domingo a trintena de postos de venta de produtos artesáns abría de novo as súas portas ás 11.00 horas. Bisutería, doces, roupa, artículos de coiro ou ecolóxicos son algunhas das variedades que se poden atopar, aínda esta tarde, no Mercadiño Artesán do Oenach. Así mesmo, tamén durante a xornada  permaneceu aberta, na nave do recinto feiral do Trece, a mostra de artesanía de Luthieres, a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos e a dos traballos realizados polos alumnos e alumnas do Obradoiro de Construción de Instrumentos do Padroado da Cultura de Narón.

naron-oenach-1Unha vez na propia campa castrexa, rodeados das pallozas, veciños e visitantes poideron gozar dos obradoiros didácticos sobre construción de vivendas da época –co amasado do barro cos pés-; tecido de lá; cociñado ao modo castrexo –cocendo pan e fritindo bolas de sartén e rexóns- e tamén de pintura e decoración con barro –os nenos e nenas implicáronse moi activamente nestes dous últimos, que rexistraron unha elevada participación durante as xornadas de onte e hoxe-.

Así mesmo, aquelas persoas que quixeron levar un recordo da xornada a modo de fotografía poideron vestir traxes da época, prestados pola organización, e utilizar así o «photocall castrexo», localizado xunto a unha das pallozas da campa.

Esta mañá ás 12.00 horas comezou unha mostra de exhibición de raza canina, a cargo do Club de Raza Can do Palleiro, e ás 13.00 horas a campa castrexa acolleu a representación dunha obra de teatro, protagonizada pola Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. A actividade espertou o interese dos asistentes, que gozaron da interpretación do colectivo, formado a través das escolas de teatro do Padroado da Cultura de Narón e que contou coa axuda de Pepablo Patinho para preparar a peza. Así mesmo, os nenos e nenas e os seus familiares, xogaron animadamente nunha zona de ocio reservada para tal fin e na que se pode participar en diversos xogos populares.

Ao mediodía, sobre as 14.00 deu comezo o Oenach gastronómico, cunha parada para degustar os grellados, forneados e doces cociñados para a ocasión, e tamén do polbo que se servía nun posto localizado na zona.

naron-oenach-2A partir das 17.00 retomáronse as actividades do programa, cunha exhibición de xogos populares e deporte rural, e ás 19.00 deu comezo a carreira popular ao Castro de Eiravedra, na que participaron persoas de diferentes idades, previa inscrición –de balde- en diferentes categorías. A de adultos foi dun percorrido duns cinco quilómetros entre a Feira do Trece e o Castro de Eiravedra. A entrega de trofeos foi ás 20.30 e ao remate da mesma procedeuse a clausurar a décimo oitava edición do Oenach Atlántico coa actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón.

O concerto das cantareiras e pandereteiras galegas Leilía abriu o pasado venres pola noite, día 29, a programación, que onte sábado continuou en horario de mañá e tarde co Mercadiño artesán, os obradoiros e con música e danza tradicional a cargo de Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón. A Noite do Castro, coa representación da obra «O paxaro de Eiravedra», a partir das 22.30 horas do sábado coa Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, foi todo un éxito, ao igual que o posterior concerto de Böj.

«Un ano máis, estamos moi satisfeitos co gran respaldo que tiveron as diversas actividades organizadas con motivo desta décimo oitava edición do Oenach Atlántico de Sedes», asegurou Marián Ferreiro, edil de Cultura e vicepresidenta do Padroado da Cultura. «Os nenos e nenas implicáronse activamente nos obradoiros e tamén gozaron co teatro e coa música, ao igual que os seus familiares», apuntou a edil, que subliñou que «é unha satisfacción para o goberno local o feito de ver que a xente, moita veciña de Narón e de concellos da comarca, pero tamén outra chegada de diferentes localidades, goza deste tipo de convocatorias que nos permiten pasar unha boa xornada e, ao tempo, recordar cómo vivían os nosos ancestros na época castrexa, no que constitúe un evento co que valorar as nosas raíces en particular e, neste caso, en xeral, a cultura castrexa en Galicia», indicou.

Lea también

O BNG de Narón insta ao goberno local a facerse cargo da xestión do servizo de madrugadores

O BNG de Narón leva ao pleno de abril unha moción na que insta ao …

Un comentario

  1. ¿Exitosa? Fue lamentable. Cada vez viene menos gente… es más que evidente la falta de apoyo del ayuntamiento. De verás, estamos los vecinos hartos. Para hacer esto, es mejor no hacer nada y suprimirlo. Cuando en este ayuntamiento se queden solo los de TEGA y nadie haga nada, entonces nos acordaremos.