O BNG de Fene apoia ao alcalde e lanza duros ataques a membros do PSOE e Somos Fene

(Foto: Galicia Ártabra).
(Foto: Galicia Ártabra).

A Asemblea local do BNG de Fene, reunida na tarde deste xoves, tivo coñecemento directo da situación do goberno local e das decisións tomadas polo alcalde.

A responsábel local, Digna Faraldo, explicou a situación vivida na Comisión de seguimento do pacto de goberno. Esta comisión, creada dentro do pacto asinado hai un ano, estaba formada por membros das respectivas organizacións políticas asinantes e tiña como obxectivo avaliar a aplicación do mesmo.
Para a dirixente nacionalista, a paralización do orzamento é consecuencia dos problemas que teñen algúns concelleiros para cumprir o acordado hai un ano, poñendo as súas situacións persoais por diante do benestar da veciñanza.

Dedicacións exclusivas

En relación ás dedicacións exclusivas, por unha banda, o portavoz socialista Antón Noceda tiña asignada unha dedicación exclusiva que nunca utilizou por incompatibilidade co seu traballo. En consecuencia, houbo unha importante desatención á súa área, Obras e Servizos, coas consecuencias que isto supón para a cidadanía; «con dous días no concello non se pode atender algo tan importante», afirma a responsábel local.

Por outra banda, o edil de Somos Fene, César Castro, descolgouse na Comisión de seguimento a unha semana da aprobación do orzamento coa petición dunha dedicación exclusiva, suposto que non se atopa no acordo de goberno e que suporía a revisión do mesmo e a do propio orzamento municipal.

Problema xudicial

Outro problema que trae consigo un dos edís é o xudicial. O portavoz de Somos Fene, Xosé Manuel Rodríguez Bastida, ocultou hai un ano que ten unha sentenza firme do xulgado do social por impago a traballadores da súa empresa, a cal supón o embargo mensual das atribucións que percibe por parte do Concello. A pesar de darlle tempo, por parte da alcaldía, para aclarar e solucionar a súa situación, o portavoz da «nova política» fixo caso omiso. «O BNG nunca acordaría nada cun concelleiro condenado por non pagar aos seus traballadores con sentenza firme e un embargo dos seus ingresos como concelleiro; á política non se pode vir ocultando e mentindo nin a resolver situacións persoais» afirman desde a formación nacionalista.

A Asemblea Local do BNG desexa, que polo ben do pobo de Fene, solucionen os seus problemas e faciliten que Fene conte con políticas xustas e avanzadas.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …