Aberto en Narón o prazo de inscrición para participar nun programa de mellora do emprendemento xuvenil

A Concellería de Formación e Mocidade de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, colabora no programa Formación e acompañamento para a mellora do emprendemento xuvenil no Concello de Narón, desenvolvido pola Fundación Galicia Innova, respaldado pola Fundación Incyde e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. A iniciativa diríxese a persoas menores de 30 anos, desempregadas e tituladas en Formación Profesional e Universitarias, rexistradas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Entre os seus obxectivos están fomentar o espíritu emprendedor e a cultura emprendedora entre os mozos. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da páxina: www.fundaciongaliciainnova.org/proemga, dispoñendo de prazo ata o vindeiro 23 de setembro. A organización seleccionará a un total de vinte e cinco candidatos nos concellos de Ferrolterra, dos que quince realizarán finalmente este programa formativo.

A transformación de ideas en proxectos concretos e facilitar a incorporación ao mercado laboral das persoas beneficiarias están tamén entre os obxectivos desta proposta, que se impartirá a través de itinerarios de emprendemento xuvenil, tal e como recordou Natalia Hermida. A fase formativa a desenvolver –nunhas instalacións aínda por determinar- consta de cinco módulos e comezará o 3 de outubro. Habilidades; Estratexia; Creación; Comunicación e Plans de negocio serán as temáticas a abordar neste programa, con 32 horas de formación grupal e 16 de titorías individuais. A fase final, de mentoring aos emprendedores, consistirá nun plan de apoio individualizado que consta de cinco sesións para poñer en marcha os diferentes proxectos.

 

As persoas que desexen recibir máis información ou inscribirse poden facelo a través da dirección de mail: formacion@fundaciongaliciainnova.org, do número de teléfono 881 929 102, ou da páxina web www.fundaciongaliciainnova.org/proemga.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …