Convocatoria en Narón dun itinerario profesional de Inserción en servizos de cafetería e bar

A Concellería de Formación de Narón convoca un itinerario profesional de Inserción en servizos de cafetería e bar. A proposta diríxese a veciños do municipio desempregados e maiores de 18 anos, tal e como apuntou a edil da área, Natalia Hermida. O vindeiro 29 de agosto abrirase o prazo de inscrición neste itinerario, con 15 prazas e que comezará a impartirse o 12 de setembro no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.

O programa desta proposta formativa inclúe sesións de Prevención de riscos laborais; Hixiene alimentaria; Servizos de cafetería e bar; Atención ao cliente; Orientación profesional e Inglés aplicado á hostalería. O itinerario terá unha duración de 230 horas e rematará o 30 de novembro. Da duración total, 100 horas serán de prácticas profesionais non laborais en cafeterías e bares da zona que xa anunciaron o seu interese en colaborar con este programa formativo.

As persoas interesadas en inscribirse deben cumplimentar unha instancia que poden recoller no Concello ou descargar da páxina web municipal –www.naron.es- e entregala no Rexistro xeral do Consistorio, en horario de 8:30 a 13 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para obter máis información sobre o itinerario profesional de Inserción en servizos de cafetería e bar pódese contactar con persoal do Servizo Sociocomunitario, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 2602, 1120, 1107 ou 1123).

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …