Clausurados en San Sadurniño os cursos da Aldea de Verán

Os nenos que participaron durante os dous últimos meses na Aldea de Verán e nos cursos de natación despediron agosto e tamén as actividades con dúas festas case simultáneas, unha na Casa da Cultura e outra na piscina municipal. A rapazada da Aldea gozou durante a mañá de xogos e da montaxe dunha exposición de resume de todo canto fixeron desde xullo, mentres que a cativería da piscina tivo como aliciente neste día de despedida baños libres e un inchables, un deles dentro do vaso.

A exposición da Aldea de Verán ocupou todo o recibidor da Casa da Cultura e estivo composta por debuxos, figuriñas de barro, obxectos de cartón, murais e outras mostras artísticas que resumían o tema principal dos obradoiros deste ano: as profesións. E é que na Aldea os nenos e nenas pasaron boa parte das súas mañás coñecendo distintos oficios e poñéndoos despois en práctica como un xogo e como unha aprendizaxe de responsabilidade, corresponsabilidade e igualdade.

A Aldea de Verán é un servizo de conciliación e un ámbito coeducativo no que colabora economicamente a Deputación da Coruña e no que este ano participaron preto de medio cento de nenos e nenas nas quendas de xullo e agosto.

E, ao tempo que a cativería da Aldea encaraba a recta final da mañá cunha merendada de despedida, na piscina municipal empezaban a meterse na auga os nenos e nenas que acudiron aos cursos de iniciación e perfeccionamento da natación. Desde primeiros de xullo foron 45 e hoxe tiveron a xornada máis lúdica de todas coa montaxe dun tobogán acuático que ocupaba parte da piscina e outro colocado no exterior tamén cheo de auga e xabón para facer máis divertido deslizarse por el.

Ademais das vivencias das últimas semanas, os cativos e cativas da piscina tamén levaron como recordo unha cunca coa súa foto e un diploma acreditativo da súa aprendizaxe. A festa acuática rematou pasadas as 13.00h. cuns petiscos.

Malia que os cursos de natación remataron hoxe, a piscina aínda continuará aberta ata o 11 de setembro para nado libre de 16 a 21h. e durante a fin de semana entre as 12 e as 21h.

Apertura do prazo de inscrición en Espazos das familias

E durante o que resta de ano e a primeira metade de 2017, o Concello de San Sadurniño vai desenvolver de novo o programa Espazos das familias, dirixido a familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Trátase dunha actividade de apoio á educación que ofrece un contorno de relación e xogo onde os pais e nais poidan afondar no desenvolvemento das crianzas.

As inscricións poden facerse do 1 ao 16 de setembro nas oficinas de Servizos Sociais do Concello (Programa de Educación Familiar). Hai máis información chamando aos teléfonos 981 490 027 Ext.1 e 673 903 922

Lea también

La Guardia Civil investigó a un vecino de Miño por circular dos veces con su coche en sentido contrario el mismo día

El Grupo de Investigación y Análisis de Tráfico (GIAT) del Sector de Tráfico de Galicia, …