O BNG propón incentivos á compra de produtos locais, «revitalizar mercados» e «enterrar» o TTIP

bng-feira do panO BNG deu a coñecer este domingo as súas propostas electorais para o comercio local, entre as que destacan os incentivos á compra de produtos locais, «revitalizar mercados» e «enterrar»  o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP).

O encargado de debullar estas medidas foi o número dous da lista do BNG ao Parlamento galego pola Coruña, Xosé Luís Rivas «Mini», quen participou este domingo na feira do pan de Neda, onde destacou as «vantaxes» da venda directa en prazas de abastos, mercados e feiras ao aire libre cando se trata de produtos frescos do mar e da terra. «Eu son dunha comarca gandeira -Melide-Arzúa- e non hai nada comparable en calidade a comprar nas feiras e nos mercados do país, coa satisfacción de estar a pagar un prezo xusto polo produto a quen o vende que, case sempre, é a mesma persoa que o pescou, que o cultivou ou que o elaborou co seu traballo», apuntou.

Rivas tamén destacou a importancia do pequeno comercio para dinamizar a economía «e poñer en valor a produción propia», ao que engadiu o feito de que, «a diferenza das multinacionais de distribución, o comercio local paga os seus impostos e inviste no país»» O candidato número dous pola Coruña explicou as principais propostas do BNG en apoio a este sector económico, que inclúen incentivos á compra de produtos locais galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras.

O BNG, así mesmo, aposta por recuperar mercados municipais, centros comerciais abertos e zonas comerciais. Tamén propón rehabilitar e peonalizar os espazos públicos nos que se sitúen eses locais ou mellorar os establecementos específicos que comercialicen produtos autóctonos e de produción ecolóxica.

DENOMINACIÓNS DE ORIXE

En contraposición, o candidato nacionalista foi moi crítico co TTIP, tratado que cualificou de «mortal» para os intereses do pequeno comercio galego, con medidas que «cuestionan mesmo a autonomía alimenticia dos pobos». «Non estou polo labor de que unha multinacional dos Estados Unidos dígame que teño que comer o que eles producen e como eles prodúceno, non me sorprende que un dos obxectivos deste tratado sexa acabar coas denominacións de orixe», censurou.

 

 

Lea también

Comienzan los nombramientos de cargos en la Xunta. Martina Aneiros regresa como delegada de la Xunta en Ferrol

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, profundiza en la reforma del Gobierno autonómico con …