O BNG e PSOE provinciais presentaron unha moción contra os tecnosolos contaminantes

O BNG provincial, xunto co PSOE, levou ao pleno da Deputación unha moción pola que se rexeitaban os proxectos de aplicación de solos artificiais elaborados con refugallos industriais, coñecidos como tecnosolos, considerando que afectan a concellos de Ferrolterra e Ortegal e que supoñen risco medioambiental e para a saúde das persoas ao que situar próximos a núcleos habitados, terras ou ríos. En especial, a moción citaba a canteira de Penasalbas do concello de Moeche.
Os nacionalistas cargaron contra a abstención do PP, «que explicou a súa abstención argumentando que a Consellería de Medio Ambiente non vai autorizar a instalacións de tecnosolos que non cumpren as normativas europeas. Neste sentido, o PP quería retirar da moción as mencións ao caso da Canteira de Penasalbas (Moeche) sendo consciente de que se está levando a cabo a tramitación do expediente que conta co rexeitamento de veciños e veciñas do concello de Moeche», explicaron dende o BNG.
O deputado do BNG e concelleiro en San Sadurniño, o nacionalista Xesús Soto, foi o encargado de defender a moción presentada polo goberno da Deputación e, na súa intervención, explicou que «estamos diante dun problema grave, de saúde pública, que ven desde principio da década, que afecta claramente ás vidas das persoas e que nalgún caso supuxo mesmo o abandono dalgunhas desas vivendas porque non dan soportado vivir ao lado deses refugallosou mesmo pola contaminación de pozos de auga», afirmou, poñendo Seixas, do concello das Somozas, como exemplo.
«Non é rexeneración, son vertidos de refugallos contaminantes que non se adaptan á normativa sobre o seu tratamento nin á normativa dos límites máximos de contaminación permitidos,  ao respcto da composión do produto resultante». «Entendemos que a Administración non debe permitir camuflar como “rexeneración ambiental” o que non son máis que simples vertidos de refugallos altamente contaminantes e perigosos para o medioambiente e a saúde das persoas», denunciou Xesús Soto no pleno da Deputación. Evidenciou así tamén «o escurantismo e falla de transparencia  que rodea este tema ao respecto da súa tramitación pola Xunta de Galiza, tan el e como acontece no Concello de Moeche, que solicitou informes sobre a cuestión en xullo de 2015 e recibiron como resposta que non existen informes; sendo que si logo aparecen e asinados en maio de 2015, con data anterior á solicitude», apuntou.
«Os tecnosolos son o resultado final dun proceso no que se empregan lodos industriais, como se fosen esterco para as terras. A técnica coñécese de vello e adoita empregarse para potenciar a rexeneración de canteiras, escombreiras ou outros lugares, onde, doutro xeito, a vida vexetal tardaría anos en volver a aparecer. As industrias implicadas deste xeito intentan con este proceso «matar dous paxaros dun tiro”; por unha parte rexenerar zonas degradadas e desfacerse do refugallo industrial mais no caso da comarca de Ferrolterra detectáronse nos verquidos altas cantidades de hidrocarburos e metais pesados que superaban os máximos legais para a protección da saúde humana. Concellos como Ortigueira, As Pontes ou Moeche contan con canteiras ás que a empresa Xiloga quere aplicar tecnosolos para a súa rexeneración, malia o rexeitamento da veciñanza. Na canteira de Pensalba, na parroquia de San Xurxo,  Xiloga instalaría máis de 2.500 toneladas de tecnosolo a 65 m. da primeira vivenda, a só 130 metros dun núcleo de poboación, Penasalbas, e a 300 m. dos núcleos de campos de Vigo e Ponte Sur e con elementos patrimoniais próximos como o Castelo de Moeche e o Río Grande de Xubia, zona protexida dentro da Rede Natura», explicou o deputado nacionalista.

Lea también

A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme …