Narón programa actividades educativas no marco do Plan Municipal de Igualdade

O Servizo Sociocomunitario Municipal programa tres novas actividades educativas enmarcadas no II Plan Municipal de Igualdade de Narón a desenvolver a partir do vindeiro mes de outubro. A concelleira da área, Teresa Sabio, anunciou o inicio da apertura do prazo de presentación de instancias ata o 23 de setembro no Rexistro municipal. En total ofértanse 69 prazas dirixidas a mulleres desempregadas da localidade e maiores de idade. Sabio explicou que os cursos serán sobre Igualdade por medio da educación, Organización e xestión familiar e Confección, con vocación de inserción sociolaboral e que se impartirán na Casa da Mocidade, no colexio de San Mateo e no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, en función da modalidade elixida.

As sesións sobre Igualdade por medio da educación destínanse a un máximo de 25 mulleres, de entre 18 e 60 anos e terán lugar na Casa da Mocidade, na Gándara. No caso do curso de Organización e xestión familiar, as beneficiarias da iniciativa serán 24 mulleres, doce para un grupo en San Mateo e as doce restantes formarán outro na Casa da Mocidade da Gándara e, por último, o curso sobre Confección, con vocación de inserción sociolaboral está programado para vinte persoas –dez mulleres por grupo- no Centro de Formación Municipal. Neste último caso é requisito imprescindible non ter coñecementos previos de confección e terán preferencia as persoas que non realizaron a formación en convocatorias de anos anteriores. En todas as modalidades ofertadas as clases terán lugar entre o 3 de outubro e o 30 de xuño.

A edil de Igualdade incidiu no feito de que se aborden diferentes temáticas que «permitirán ás mulleres adquirir coñecementos sobre matemáticas, competencia dixital, cultural, artística, algunhas técnicas de costura e tamén sobre xestión económica e alimentación, según a acción formativa elixida», apuntou. Sabio animou ao colectivo ao que se dirixen estas propostas a anotarse, de balde, e subliñou que estas accións «permitiranlles incrementar a súa formación tanto para desenvolver actividades na súa vida cotiá como incluso de cara a unha posible inserción no mercado laboral».

O formulario pode recollerse no Rexistro xeral do Concello, de 8:30 a 13:30 horas e as instancias deben entregarse xunto cunha fotocopia da tarxeta de demandante de emprego da persoa correspondente, do seu NIF e tamén un informe da súa vida laboral. Para máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1113 e 1115).

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …