O Concello invita á cidadanía a participar no roteiro «Ferrol coas Irmandades da Fala»

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, presentou esta mañá xunto co edil de Participación, Álvaro Montes, os roteiros de «Ferrol coas Irmandades da Fala», que reivindica a cidade como «unha que historicamente foi pioneira en moitas cousas e como unha sociedade plural con moitos anos detrás de loita colectiva», polo que animou á cidadanía a participar nestos roteiros que se celebrarán os sábados do próximo mes de outubro.

Organizada pola concellaría de Participación, Suárez salientou a aposta do actual goberno municipal por impulsar a cultura de rúa e por dignificar a memoria e a autoestima da cidade. Neste sentido, «o roteiro das Irmandades supón unha boa oportunidade para empaparnos e dignificar a nosa memoria histórica, que sexa un motivo de orgullo».

O concelleiro de Participación, Álvaro Montes, coincidiou co alcalde en que «Ferrol é algo máis que unha cidade da ilustración, que tamén, pero que aínda está por descubrir”, de aí o roteiro presentado hoxe, que se suma aos organizados xa o pasado ano sobre Carvalho Calero e Ferrol Rebelde», explicou o edil, que incidiu en que esta iniciativa vai adicada tanto ao público en xeral, que poderá participar todos os sábados de Outubro (1, 8, 15, 22, 29) a partir das 17 horas, como aos centros de ensino, estando confirmados dez ata o momento.

Pola súa parte, Marcos Abalde, que será o responsábel de guiar aos asistentes, explicou as sete paradas que compoñen o roteiro e que veñen resumidas nunhas pequenas publicacións realizadas para o evento.

Trátase, deste xeito, de contribuír dende o concello á celebración dos 100 anos de Irmandades da Fala, aproveitando para pór en valor a cidade e o papel ás veces descoñecido pero ben importante que tivo Ferrol no nacemento das mesmas.

No uso do galego latexa a nosa liberdade

Nesta parada inicial reivindícase a primeira vez que se usou a lingua galega de forma íntegra en Ferrol nun acto público. Foi o 11 de Febreiro de 1917 no Salón Amboaxe, un antigo cine situado no colexio dos Mercedarios. Pronunciounas Antón Vilar Ponte. O 15 de Abril dese mesmo ano, logo deste acto, fican constituidas as Irmandades de Ferrol, con Xaime Quintanilla como conselleiro primeiro

Xaime Quintanilla, irmán da fala

A segunda parada do roteiro reivindica o papel do ex alcalde como principal dinamizador das Irmandades na cidade e fundador da editora Céltiga. Lémbrase, por tanto, a súa casa como punto de encontro da intelectualidade ferrolá, onde mantiña un faladoiro no que participou o propio Carvalho Calero.

Toxos e Froles, fachenda das nosas raíces

Malia que semelle todo dito sobre o coro, cómpre facer fincapé en que é pioneiro como coro do proletariado e na incorporación da muller ao mesmo, no período 1020-1923, durante o que ingresaron cinco mulleres, entre elas a actriz Pilar Suárez

El Correo Gallego contra o galego

Podería ser un títular de hoxe, pero xa vén de lonxe. Desde a Rúa Real 181, o director de El Correo Gallego bufaba contra as Irmandades. O xornal chegou a publicar que «defender os intereses galegos era un crime de lesa patria». Coa lingua por bandeira, sen embargo, inaugurouse o primeiro local das Irmandades de Ferrol na rúa Rúal o 13 de decembro de 1917.

En Ferrol naceu a primeira editora en galego

A Irmandade da Fala fundou Céltiga, o primeiro proxecto editorial no noso idioma. Na súa colección apareceron trece títulos que combinaban os autores da cidade con outros de relevancia no ámbito galego como Castelao.

A Capela Sisitina Galega

Bello Piñeiro asina o conxunto mural co que se inaugura o Casino de Ferrol (1925). Unha creación de cento cinco metros cadrados ao que se lle chama a Capela Sistina Galega malia ser pouco coñecida para o público en xeral, incluso nestes tempos nos que a pintura mural está a ter un grande protagonismo social e cultural en case todas as grandes vilas e cidades.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …