A Xerencia Integrada de Ferrol colabora na Pasarela Solidaria «Mulleres en Vermello»

A importancia de coidar o corazón, para que el nos coide; axudar ás mulleres a entender o risco de padecer unha enfermidade cardiovascular, e animalas a coidarse; dar conta dos factores de risco para a saúde cardiovascular da muller, e ofrecerlle hábitos saudables; ou promover saúde son os obxectivos da Pasarela Solidaria 2016, Mulleres en Vermello. Esta xornada será mañá venres 30, no Auditorio Municipal da Praza de Galicia en Narón, entre as 17 e as 21 horas. No acto de presentación estará o responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva.

Profesionais da área sanitaria ferrolá ofrecerán as súas achegas coa fin de que a muller tome conciencia do que supón a enfermidade cardiovascular para ela; e teñan ferramentas para coidarse e previla. Os especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, Carlos Piñeiro e Portal González, dos centros de saúde de Narón e o Val; a especialista en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica, a matrona Isaura González, tamén do centro de saúde de Narón; e o especialista en Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Emiliano Fernández-Obanza ofrecerán diversas visións, datos, consellos e ampla información sobre a saúde cardiovascular na muller.

A enfermidade cardiovascular

As enfermidades do corazón prodúcense a causa da aterosclerose que é o termo médico que se emprega para describir a acumulación de ateroma (depósito fundamentalmente de calcio e graxa, normalmente colesterol) na parede interna das arterias, formando placas que reducen progresivamente o diámetro da arteria. A enfermidade do corazón máis común é a cardiopatía isquémica, debido á obstrución das arterias coronarias, polo que o corazón non recibe suficiente sangre rica en nutrientes. A placa pode romper e causar un coágulo de sangue. Este coágulo pode bloquear en parte ou completamente o fluxo de sangue, e así causar anxina de peito ou ataque cardíaco.

Segundo os últimos datos, os tumores foron a primeira causa de mortalidade nos homes e a segunda nas mulleres. Pero as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte nas mulleres. Unha de cada tres mulleres morrerá por causa cardiovascular. Pero os participantes nesta xornada, Mulleres en Vermello, destacan que «a enfermidade do corazón pódese previr e controlar»; e que «o tratamento inclúe cambios no estilo de vida, e, se é necesario, a toma de medicamentos. Levando un estilo de vida saudable, as mulleres poden diminuír o seu risco de enfermidade cardíaca ata un 82%», explican.

O cardiólogo da área sanitaria ferrolá, Emiliano Fernández-Obanza, insiste neste aspecto, «non se lle presta a suficiente atención á enfermidade cardiovascular nas mulleres. Certo é que ata a menopausa están protexidas polas hormonas, pero, a partir dos 50 anos, o risco increméntanse na muller ata superar ó dos homes»; e «é moi importante que as mulleres teñan información», subliña este profesional. Mulleres en Vermello -movemento internacional- e a pasarela de mulleres con vestido vermello, non é máis que o símbolo, unha «alerta para as mulleres» para «axudalas a entender os riscos de padecer a enfermidade cardíaca», e «animalas a actuar previamente, sobre todo as que teñen entre 40 e 60 anos». E engade este especialista, «tomar medidas é altamente rendible».

Se tratan os factores de risco, prodúcese un atraso ou interrupción da enfermidade. Nesta mesma liña, traballan os médicos de familia, Carlos Piñeiro e Portal González, en dar a coñecer no seu día a día eses factores de risco sobre os que se debe incidir. De todos eles falarán os catro relatores mañá, porque as mulleres necesitan coñecer a enfermidade cardíaca; os factores de risco; como preguntar ó médico; como actuar; como sobrevivir a un infarto; ou como empezar a coidar o corazón.

Pola súa banda, Carlos Piñeiro dará a coñecer os resultados do estudio nacional Ibercam (Identificación da poboación Española de Risco Cardiovascular e Renal), no que traballan preto de 500 investigadores, entre os que está este profesional, e que está a facer xa un seguimento dos factores de risco a máis de 3.500 persoas ó longo de cinco anos. Este estudo ten como obxectivo analizar os factores de risco cardiovascular ou renal en prevención primaria, a prevaleza, o grao de control, e a abordaxe farmacolóxica. Deste este estudo derívanse a diabetes, o colesterol elevado (LDL), e a hipertensión como factores de risco clave.

Todos coinciden en sinalar de forma global como elementos de risco, fumar, a presión arterial alta, o colesterol elevado en sangue, o sobrepeso e a obesidade; a falta de actividade física; a diabetes; os antecedentes familiares de enfermidade cardíaca a idade temperá; ou a idade (de 50 en adiante para as mulleres). Actuar sobre estes factores é loitar contra a enfermidade cardíaca.

Promoción de saúde

Igualmente, todos os que participarán mañá en Mulleres en Vermello conflúen tamén na necesidade de fomentar estilos de vida saudables para afrontar isto, e sobre todo en «promover saúde». Así o resume a matrona Isaura González, «coida o teu corazón e o teu corazón coidará de ti». E engade, «precisamos ser conscientes do corpo no que vivimos e coidalo, porque cando nos damos conta pode estar xa enfermos»; neste senso, explica, «as mulleres controlan a súa saúde xinecolóxica a través de citoloxías ou control mamográfico; pero débese engadir, por exemplo, o coidado do sobrepeso, non por unha cuestión estética, senón por saúde. Non coidar o corazón mata», enfatiza.

Esta matrona da área considera fundamental a concienciación en tódolos ámbitos, e ofrecer consellos de vida baseados en tres piares, a nutrición, o exercicio, e os afectos. Insistirá na necesidade de nutrir axeitadamente o corpo, con froitas, verduras, carnes e peixes; a necesidade de moverse, e «non só no ximnasio, os zapatos son suficientes, pasear polas aceiras ou o campo, saltar ou correr»; e, por último, «como persoas sociais que somos, aproveitar o cariño dos que nos rodean, amigos, familiares veciños ou parella, se é o caso. Buscar a felicidade nun mesmo e en relación cos demais».

Pola súa banda, Portal González, a especialista en Medicina Familiar e Comunitaria de O Val, baseará a súa intervención na «promoción da saúde». Partindo das cuestións técnicas que abordarán o resto de participantes na xornada, centrarase en axudar a muller a valorar o seu propio risco cardiovascular; en como abordar o seu propio perfil asesorada polos profesionais médicos, dende sinxelos consellos ata o uso de novas tecnoloxías ou aplicacións que hoxe en día contribúen a «0promover a saúde máis que previr a enfermidade». Trátase de «axudar ás mulleres, a través das nosas consultas; coñecendo cales son os seus hábitos; velos relacionados coa súa vida diaria; e axudar a corrixilos, todo isto asociado ó benestar xeral».

O cardiólogo, Emiliano Fernández Obanza, xa adianta algún destes elementos básicos ós que a muller deberá estar atenta, control da presión arterial, do colesterol en sangue; a proba da glicosa en plasma en xexún; o control do índice de masa corporal e a circunferencia da cintura; e, segundo o caso, o electrocardiograma. Este sprofesionais da área sanitaria invitarannos mañá a empezar xa a realizar actividade física cando menos 2 horas e media á semana; a seguir unha alimentación saudable, baixa en graxa, co límite da sal; que inclúa froitas, vexetais e grans integrais; e que limite o consumo de bebidas alcohólicas e o tabaco, entre outras moitas cousas, que abordarán, no Auditorio de Narón, dende as 17 horas.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …