O Hospital Naval acolle este venres a I xornada de Patoloxía de Chan Pélvico

A Unidade de Chan Pélvico do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol organiza a I Xornada de Patoloxía do Chan Pélvico, mañá venres 7 de outubro durante todo o día no salón de actos do Hospital Naval. Tal e como remarca a responsable do Servizo, a especialista en Medicina Física e Rehabilitación, María Concepción Baamonde Pedreira, no marco deste encontro científico, o sábado 8 de outubro, ás 12:00 horas, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, haberá tamén unha sesión informativa tipo coloquio para que poida acudir calquera persoa que estea interesada en recibir información en relación co chan pélvico. Un grupo de profesionais especialistas responderá ás preguntas da cidadanía en relación, por exemplo, con todo o relativo á incontinencia urinaria; ás síntomas, e como se pode solucionar.

Este encontro conta con relatores de distintos sitos de España, que abordarán a valoración funcional do chan pélvico; a aproximación ás súas patoloxías máis frecuentes; e a súa abordaxe terapéutica. Esta xornada, segundo indican dende o Servizo, está dirixida a médicos de centro de saúde, rehabilitadores, xinecólogos, neurofisiógos, especialistas en dor, urólogos ou coloproctólogos interesados na materia.

Expertos de territorio nacional

Na I Xornada abordarase a anatomía e a fisioloxía do chan pélvico; a exploración da incontinencia Urinaria de Esforzo; a Incontinencia Urinaria de Urxencia e a vexiga neuróxena; a dor pélvica e a incontinencia anal; o tratamento preventivo de lesións de Chan Pélvico dende a Enfermaría xinecolóxica; e, por último, os tratamentos, tanto o conservador como o cirúrxico.

Para falar de todas estas cuestións reúnense expertos da área sanitaria ferrolá e de toda España. Xunto coa responsable do Servizo, Concepción Baamonde Pedreira, participan como moderadoras as especialistas de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Universitario ferrolá, Mercedes Doval Álvarez, e María Vázquez Gómez; e como relatores, o especialista en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica da área ferolá, o matrón Alberto López Serantes; e a fisioterapeuta do Complexo, Esther Ruíz Calero. Tamén intervirá o que foi o xefe de Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia, o especialista Javier Martínez Pérez- Mendaña.

A estes engádense as especialistas en Medicina Física e Rehabilitación do Hospital Domínguez de Pontevedra, Lucía Camino Martínez; do Hospital de Guadalajara e xefa de Servizo, Lourdes Gil Fraguas; e do Hospital Las Palmas de Gran Canaria, Isabel Montes Posada. Xunto con estas profesionais, o especialista e Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, Roberto Rodríguez Núñez; e o especialista en Uroloxía e xefe do servizo do Hospital Río Ortega de Valladolid, Luis Rodríguez Toves.

Na Xerencia Integrada de Ferrol activábase, no ano 2001, a primeira Unidade de Galicia para tratamento conservador do Chan Pélvico, e referencia para pacientes da área e de fóra da área. Creouse por iniciativa da responsable do Servizo, María Concepción Baamonde Pedreira, coa colaboración de profesionais da Facultade de Fisioterapia formados na Escola Aix le Provence de Francia, referencia nese eido, e que asesoraron ás fisioterapeutas da área, Esther Calero e Emilia Mauleón, nos comenzos desta Unidade.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …