O alcalde de Narón asinará convenios con sesenta e nove entidades por 780.000 euros

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinará ata finais deste mes un total de sesenta e nove convenios con entidades de diferentes áreas por un importe conxunto de 779.098 euros. Esta mesma tarde, ás 19 horas, o Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá a firma dos correspondentes a un total de dezasete entidades, por un importe global de 122.300 euros. O alcalde presidirá a convocatoria, á que tamén acudirán os edís de Cultura, Marián Ferreiro; Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo; Participación Cidadá e Acción Social, Catalina García; Sanidade e Medio Ambiente, Octavio Dopico e Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, así como representantes das asociacións citadas hoxe. «Con este tipo de axudas económicas desde o goberno local queremos continuar apostando pola calidade dos servizos que se prestan desde as diferentes entidades e tamén recoñecer a súa labor ano tras ano nas diferentes áreas», apuntou Blanco.

A Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps); Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol e a Fundación Terra de Trasancos recibirán 15.000 euros cada unha; 12.000 euros a Asociación de Pais e Nais de Persoas con trastorno autista (Aspanaes); a Asociación Síndrome de Down Teima percibirá 10.000; a Asociación Dignidad Galicia e Cruz Vermella Española un total de 8.000 euros cada unha; á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e á Asociación de Veciños Chafarís irán 12.000 euros -6.000 para cada unha-; recibirán 5.300 euros a Asociación de Veciños Virxe de Fátima e 5.000 euros a Asociación Ferrolá de Drogodependencia (Asfedro) e tamén a Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui. Na relación de convenios a firmar esta tarde están tamén os 4.000 euros da Fundación Santo Hospital da Caridade; os 2.500 do Colexio Rural Agrupado de Narón; 2.000 para a Asociación de Loita contra os Malos Tratos (Almat) e tamén para a Asociación Ledicia Cativa, e 1.500 para o Patronato Concepción Arenal. No orzamento municipal do presente exercicio recóllense as achegas que se realizarán, a través de convenios ás diferentes entidades durante o ano.

En materia de Cooperación no Ensino, o acordo co Consorcio Galego do Servizo de Igualdade e Benestar e co Colexio Rural Agrupado de Narón suman en total unha achega de 62.500 euros. A maiores, hai que engadir os 97.000 de  Igualdade, Maiores e Promoción Social; un total de 91.500 para as áreas de Acción Social e Dependencia; 66.000 para Salubridade Pública e actividades medioambientais; 42.000 reservados para Infraestruturas e Promoción Económica; 11.300 de Participación Cidadá; 3.000 de Promoción Turística (para un convenio coa Universidade) e 2.000 para Urbanismo, Patrimonio e Medio Ambiente.

O rexedor local subliñou que a maiores dos convenios que se asinarán esta tarde e dalgúns enmarcados nas citadas áreas pendentes de rúbrica, tamén están os relativos ao departamento de Cultura, por un importe de 33.000 euros e os da Concellería de Deportes, que suman 370.798,16 euros. «Desde o goberno local continuaremos apostando por dous dos pilares fundamentais no noso Concello, que non son outros que a Cultura e o Deporte, pero sen descoidar ao resto de entidades que traballan coa veciñanza», recalcou Blanco.

O alcalde recordou que «milleiros de persoas participan cada ano nas actividades programadas a través das escolas municipais de Cultura e Deportes, que xestionan os respectivos Padroados, e nas que se implican non só veciños e veciñas de Narón, senón tamén chegados doutras localidades da comarca, aos que tratamos de ofrecer unha variada oferta de actividades tanto desde as citadas escolas como a través doutras iniciativas conveniadas coas diferentes entidades, clubes e asociacións».

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …