Narón abrirá o luns o prazo de inscrición da acción formativa Emple@tic

A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías de Narón, Natalia Hermida, anunciou a apertura o vindeiro luns 24 do prazo de inscrición nunha nova acción formativa do programa municipal Emple@tic. Alfabetización dixital: ofimática, trámites online, busca de emprego a través de internet é o título do curso, do que haberá dúas convocatorias, de 110 horas cada unha delas, en horario de mañá e tarde. Os destinatarios desta acción formativa son veciños de Narón, maiores de 18 anos e desempregados. As datas de celebración previstas son do 7 de novembro ao 21 de decembro, na Aula Cemit de Xuvia.

Nesta acción formativa abordaranse programas como o Writer, e temáticas como as follas de cálculo, trámites online, sinatura electrónica de documentos, alfabetización dixital para a busca de emprego, pasos para pedir citas previas en internet, etc.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo, de balde, a partir do luns, de 8:30 horas a 13:30 horas, ata o 2 de novembro no Rexistro do Concello, cubrindo unha instancia xenérica dispoñible no propio Rexistro e podendo indicar a preferencia de horario de mañá ou tarde. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e unha vez que os seleccionados reciban comunicación desde o Concello da súa admisión disporán de dous días para presentar fotocopias cotexadas da tarxeta de demandante de emprego e NIF (ou similar).

A concelleira de Formación asegurou que «as accións que se convocan desde o Concello sobre alfabetización dixital e informática en xeral teñen sempre moi boa aceptación entre os veciños da localidade». O feito de que neste caso concreto se reserven para persoas desempregadas «constitúe unha oportunidade para o colectivo á hora de mellorar a súa formación nunha área que hoxe en día e básica á hora de buscar un traballo», apuntou Hermida.

A edil naronesa avanzou ademais que nos vindeiros meses, ata finais de ano, convocaranse tamén accións educativas dirixidas a nenos e nenas da localidade.

Para obter máis información sobre a acción formativa do programa municipal Emple@tic pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext.: 1123).

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …