Ábrese o prazo para participar no VII Concurso de Fotografía Cidade de Narón

A concellería de Turismo de Narónabrirá o vindeiro mércores, 2 de novembro, o prazo de presentación de imaxes ao VII Concurso de Fotografía Cidade de Narón. A concelleira da área, Natalia Hermida, explicou que os traballos poderán presentarse ata o 18 de novembro (incluído) no Rexistro municipal ou no quinto andar do Concello, entre as 8:30 e as 13:30 horas. Os participantes deben ser maiores de idade e a temática das imaxes, concretamente sobre a riqueza de Narón, tanto a nivel patrimonial como sobre espazos naturais de interese, de lecer, culturais, tecnolóxicos ou festas populares, sendo obrigatorio que se recoñeza que o lugar ou o seu entorno é na localidade. En total repartirase unha partida de 1.200 euros en premios.

Cada concursante poderá presentar (nun sobre, con pseudónimo e cunha copia en CD das imaxes) ata tres fotografías, en cor ou en branco e negro, cunha resolución mínima de 1024×768 píxels e nos formatos JPG, TIFF ou PNG. As imaxes non deberán estar retocadas e opcionalmente cabe a posibilidade de presentalas en formato papel, cun tamaño mínimo de 20×25 e máximo de 30×45 centímetros. O gañador do primeiro premio recibirá 750 euros en metálico, se ben o segundo e o terceiro están dotados con 300 e 150 respectivamente. O xurado valorará a calidade técnico-artística da imaxe (15 puntos); a orixinalidade (10) e o grao de representatividade do Concello (5). Os premios entregaranse nun acto público que se convocará desde o Consistorio.

A concelleira de Turismo recordou que ao igual que en anteriores convocatorias «as tres imaxes premiadas, ademais doutras que se presenten a este certame, ilustrarán o calendario de sobremesa do Concello de Narón para o vindeiro ano 2017».

As persoas interesadas en presentarse a esta nova edición do concurso poden consultar as bases completas do mesmo na páxina web do Concello de Narón –www.naron.es- e para calquera aclaración pódese chamar tamén ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1517).

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …