Máis de douscentos escolares de Narón participan na actividade «Arte na escola»

Alumnado de varios centros educativos da localidade participa estes días no programa municipal Arte na escola, impulsado desde a concellería de Ensino e enmarcado na proposta de Apoio educativo aos centros. A edil da área, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha iniciativa «na que queremos implicar ás nenas e nenos nunha actividade artística que, ao mesmo tempo permite dun xeito lúdico e participativo fomentar a creatividade dos menores, a cooperación entre eles e a decoración de espazos elixidos desde os propios centros con deseños propostos por monitores da actividade».

Algo máis de douscentos escolares participarán ata finais de ano nesta proposta, que se convoca en horario lectivo e se dirixe a nenos de Infantil e de Primaria. A pasada semana rematouse a actividade programada no CRA de Domirón, donde o alumnado estivo traballando nas aulas abordando o traballo de Joan Miró, un dos máximos expoñentes da pintura surrealista en España, e recuperou a obra deste recoñecido pintor para realizar esta actividade. A vindeira semana está previsto comezar o deseño elaborado para decorar unha parede do comedor do colexio da Solaina, espazo elixido desde o centro.

Os nenos de catro e cinco anos traballan en grupos reducidos e no caso de Domirón pintaron unha parte do muro do patio cuberto, cun deseño elixido desde o centro e a base de pintura acrílica especial para exteriores.

Previamente os monitores que colaboran na actividade desprázanse aos centros para revisar o espazo no que se pintará o mural, acondicionándoo no caso de que sexa preciso para que a pintura se manteña no tempo nas condicións idóneas, tal e como explicou Taibo. Cada día o alumnado implicado na iniciativa, de luns a venres, pinta durante dúas horas, continuadas antes do recreo. «As temáticas son libres, pero teñen que estar vencelladas ao currículo educativo das idades para as que está pensada a actividade, desde Infantil ata Primaria, abordando temas como a arte, hábitos de vida saudables, etc.», explicou Mercedes Taibo.

A maiores do traballo realizado en Domirón participarán tamén nesta iniciativa alumnos dos colexios da Solaina, da Gándara e do Feal antes do Nadal. «Á vista da excelente acollida desta proposta, xa temos novas peticións de centros, polo que a partir de principios do vindeiro ano traballaremos cos colexios Santiago Apóstol, a Unitaria do CRA do Val, o Ayala e o Ponte de Xuvia», avanzou a Concelleira de Ensino.

Lea también

Aberta a inscrición na primeira andaina deste ano en Narón do programa “Ponte en ruta con nós”

O Concello  de Narón mantén aberto, ata mañá  mércores 24 o prazo de inscrición na …