Tirando a dar-O Castelo de San Felipe e outras lerias

castillo-san felipe-19-1jjburgoa@hotmail.com

burgoa-211114Non tiven a honra de ser invitado polo Club de Prensa a una xuntanza sobre o Patrimonio Cultural recentemente celebrada nun establecemento hostaleiro desta cidade, polo que teño que escribir sobre o que eu lin na prensa encol da reunión. Nas chamadas Conversas, a Concelleira de Patrimonio de Ferrol, Rosa Méndez, falou do Castelo de San Felipe; da candidatura a Patrimonio da Humanidade; das estruturas ferrosas situadas na Costa de Mella; do malfadado Cristo da Tahona; do albergue do Camiño Inglés; e do Chalé modernista do noso barrio alto, entre outras coñeradas.
Coido que do tema do Patrimonio da Humanidade hai que informar dunha vez de xeito rigoroso aos cidadáns e deixar de marear a perdiz. Fai xa quince anos que nunha sesión conxunta do Concello de Ferrol e a Real Academia Gallega de Bellas Artes sentáronse as bases para declarar Patrimonio da Humanidade ao conxunto do Arsenal e Castelos da Ría de Ferrol, engadindo logo a esa petición o racional deseño da urbe ilustrada.

Desde entón pasaron polo Concello diferentes e nulas corporacións municipais e, ademais do importante gasto xerado, o único que se fixo nestes quince anos foi reunir unha importante base de datos de 3.000 rexistros de planos e documentos relativos a Ferrol do século XVIII, procedentes de arquivos nacionais e estranxeiros. Onde está hoxe esa documentación ¿ Como poden acceder a ela os investigadores ¿. Por favor, informe diso algún responsable do Concello.

burgoa-20-11-1Do Castelo de San Felipe, ese presunto «barco insignia» do Patrimonio Cultural, xa se falou dabondo. Ben que se rehabilite, que se recupere, que se restaure, que se remodele ou que sexa. Porén, ademais da urxencia dun axeitado e moderno Plan de Xestión e Usos do mesmo, hai que poñelo en valor: visitas guiadas, representación teatrais, Universidade de Verán, Centro de Interpretación das Fortificacións da Ría……. E desde logo facer una boa vía de acceso ao Castelo.

Seguimos coas voltas e reviravoltas da Costa de Mella, os seus ferragachos e o presunto Museo a instalar alí. Primeiro falouse dun Centro de Memoria Histórica (cecais de Memez Histérica ?), logo dun Museo Arqueolóxico de Ferrol e a súa Comarca, e agora dun Centro de Interpretación da Cidade Ensimesmada, perdón Cidade Ilustrada. E a maiores, queren enterrar alí á escultura medieval do Cristo da Tahona. Menos lerias e mais Museo da Cidade, señores do Concello.

Falemos do Cristo da Tahona. Por encárrego da entón Presidenta do Centro Ártabro de Estudos, Rosa Méndez, fixen unha publicación sobre o Cristo da Tahona aló polo ano 1999. Co paso do tempo presentei ademais senllas ponencias e traballos sobre a devandita escultura, unha mostra singular da arte popular, en varios congresos e simposios en Galicia (Santiago, Pontevedra) e en Portugal (Vilanova de Cerveira).

No seu intre informei a varios conselleiros de Cultura da Xunta de Galiza sobre o mérito do Cristo burgoa-2011-2Errante ferrolán, mais cando souberon o trato desleixado que estaba a recibir en Ferrol, foi excluído da lista de 101 cruceiros BIC (Ben de Interese Cultural) que estaba a redactar a Xunta, pese a miña insistencia de que era unha verdadeira xoia medieval. Bonifacio Borreiros foi o único Concelleiro de Cultura de Ferrol que colocou no Centro Cultural o Cristo da Tahona de xeito destacado. E agora queren enterralo na Costa de Mella……..

Da compra do Chalé de Ucha de Canido (acaso para agachar as Meninas ?), do antigo hospital de peregrinos (cando vaise a colocar unha placa informativa na súa fachada ¿), dese imposible Albergue de peregrinos (que nova historieta nos conta a Autoridade Portuaria ?), de todo iso haberá tempo de falar noutra ocasión.

Sinto ter que escribir estas cousas; en máis dunha ocasión defendín o interesante traballo que está facer Rosa Méndez neste deslavazado e facareño Concello; tempo atrás tiven a honra de colaborar con ela en temas do Camiño de Santiago. Teño estima polo seu labor no eido do Patrimonio Cultural, pero coido que desta volta ten por diante unha difícil papeleta.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …