Narón celebrará mañá actos conmemorativos do día contra a violencia de xénero

Os actos programados desde o Concello de Narón con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero, que se conmemora cada 25 de novembro, continuarán desenvolvéndose mañá na localidade. A primeira das actividades da xornada dará comezo ás 10 horas, coa saída duns 250 rapaces en bicicleta desde os colexios do Feal, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros e do centro Nuestra Señora de Chamorro para participar na III Marcha ciclista escolar contra a violencia de xénero. Os rapaces dos colexios Ponte de Xuvia e Jorge Juan sairán pola estrada de Castela ata Piñeiros, donde se reunirán cos deste centro e tamén cos do Feal e Chamorro, percorrendo o alumnado dos dous últimos colexios un tramo da estrada do Feal ata Piñeiros. O colectivo dirixirase nun único grupo desde Piñeiros ata o Auditorio municipal, na Praza de Galicia. A actividade conta coa colaboración do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón, o equipo de Educación Vial do Concello, o Motoclube Fojeteiros e as Anpas dos centros.

A continuación, a partir das 11 horas, Felipe Díaz (Caxoto) protagonizará no Auditorio municipal o contacontos Contos vellos, novos finais, dirixido aos rapaces. As actividades retomaranse pola tarde, ás 17:30 horas, cando no marco de Narón en negro contra a violencia de xénero, se organizará unha cadea humana na Praza da Gándara con persoas vestidas de negro. Esta iniciativa, á que seguirá a tradicional ofrenda floral no Monumento á Muller, tamén na Praza da Gándara, contou coa colaboración das entidades que forman parte do Consello Sectorial de Igualdade.

 

Máis tarde, sobre as 18:30 horas, procederase a iluminar de cor malva a fachada do Pazo da Cultura, para rematar os actos programados para a xornada de mañá na Biblioteca municipal, cun faladoiro na sobre A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo, a cargo de Rebeca Baceiredo, a partir das 19 horas. Por cuestións de espazo, o aforo estará limitado a corenta persoas.

Unha campaña de sensibilización que se desenvolverá tamén mañá en colaboración coas panaderías da localidade pechará os actos da xornada do venres con motivo do 25-N. As panaderías entregarán o pan aos clientes nunhas bolsas de papel nas que figurarán teléfonos cos que contactar ante posibles casos de violencia de xénero.

Os actos programados desde o Concello para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero rematarán o sábado, día 26, na Biblioteca municipal, donde terá lugar o obradoiro Micromachista eu?, entre as 11 e as 12:30 horas. A convocatoria está pensada para menores, a partir de catorce anos, e adultos, que teñen que inscribirse no mostrador da Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. A actividade permitirá aos asistentes identificar e combater manifestacións de micromachismo.

A maiores, a Biblioteca municipal do Alto acolle tamén ata o vindeiro sábado, día 26, unha Mostra bibliográfica infantil. As persoas que se despracen ata estas instalacións teñen a oportunidade de ver diferentes publicacións cunha temática común: a igualdade de sexos.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …