Dez anos sen Bonifacio Borreiros

borreiros-5-12
Juan J. Burgoa– TIRANDO A DAR
burgoa-211114Cúmprense dez anos do falecemento de Bonifacio Borreiros Fernández. Médico de profesión, naceu en Ferrol o ano 1953 onde faleceu o 5 de Decembro de 2006. Foi deputado polo PSOE no Parlamento galego e Director Xeral de Cultura na Xunta de Galicia no período 1990-1993, sendo Fernando González Laxe o Presidente da institución autonómica.

Foi concelleiro de Cultura de Ferrol, con Xaime Bello ao fronte da Alcaldía, entre os anos 1999 e 2003, exercendo un labor de grande interese e sendo, para min, o mellor concelleiro de Cultura que eu coñecín nesta cidade. Particularmente coido a axeitada utilización que fixo do Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital.

Simplemente como exemplos quixera lembrar algúns fitos do seu labor. O primeiro foi a recuperación de mans privadas do Cristo da Tahona, una xoia medieval da arte popular galega. Unha vez recuperado o cruceiro, colocouno coa debida prestancia á vista dos visitantes no patio de Centro Cultural, ata que os sucesivos inquilinos da concellería de Cultura converteron a fermosa escultura nun triste exemplo de Cristo Errante.

O segundo fito refírese á exposición pública que fixo no devandito Centro Cultural dunha das obras pictóricas de maior interese de Ferrol: un cadro de boas proporcións de Agustín Robles titulado «La unción y el entierro de Cristo» e máis coñecido por «El Descendimiento», datado o ano 18165 e que de orixe estivo colocado no centro do retablo do altar principal da capela neoclásica do antigo cemiterio de Canido. Hoxe o notable cadro, como tantos outro, atópase tristemente agachado nalgún lugar do Concello.

Como terceiro fito do seu intenso traballo cumpre salientar que Bonifacio Borreiros foi o impulsor dunha notable serie de publicacións, o único intento serio na nosa cidade de facer unha colección de historia local. Un total de 18 títulos integraron a colección «Tempo de Historia», na que se publicaron desde biografías como as de Lucas Labrada, Benito Vicetto ou Francisco Suárez, ata temas históricos como o Desembarco Inglés de Doniños e temas arqueolóxicos como o Xacemento de Santa Comba, obras todas elas de historiadores e investigadores ferroláns. Desafortunadamente, a devandita colección non tivo logo a debida continuidade.

Durante aqueles anos tiven unha intensa e afectuosa relación co concelleiro Bonifacio Borreiros, tanto na miña condición de membro da Fundación Ferrol Metrópoli como a título particular. Evitando as entrevistas na frialdade do despacho do Concello, tiñamos nosas xuntanzas nalgunha cafetería pola tarde ou pola noite onde falábamos de temas culturais con total liberdade e, teño que dicilo, eu apoiando sempre o seu traballo e pola súa parte cunha total receptividade ás miñas propostas. Desde aquí miña agarimosa lembranza a Bonifacio Borreiros.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …

Un comentario

  1. Coincidiendo en su buena opinión sobre Bonifacio, aunque creo que hubo otros concejales de cultura tan buenos como él, y concejalas, tengo que decirle que el apoyo a Ferrol Metrópoli no es algo de lo que el bueno de Boni estaría mas satisfecho, precisamente. Hay otras mejores maneras de emplear el dinero público.