Narón asina convenios de colaboración coa Asociación de Diabéticos e AECC

A alcaldesa accidental de Narón, Marián Ferreiro, asinou esta mañá sendos convenios de colaboración coas presidentas da Asociación de Diabéticos Ferrolterra, Dolores Pérez Dueñas, e da Asociación Española contra o Cancro, Isabel Caamaño, por valor de 2.000 euros cada un que permitirán ás entidades financiar unha parte das actividades que están a desenvolver este ano.

No acto, no que tamén estivo presente o concelleiro de Sanidade e Medio Ambiente, Octavio Dopico, salientouse a importancia que para as propias asociacións ten a achega municipal e tamén para o propio Concello, que leva anos colaborando con elas na realización das súas actividades, contribución que quere manter nos vindeiros anos.

O convenio coa Asociación de Diabéticos Ferrolterra axudará a financiar a Convivencia de Maiores no Grove e permitirá a participación dunha trintena de socios da entidade residentes en Narón. Esta actividade pretende non só intercambiar experiencias entre os enfermos, tamén entre os de máis recente diagnóstico que poden demandar máis información ao respecto, senón tamén promocionar entre os doentes hábitos hixiénicos-dietéticos saudables.

Por outra banda, o acordo de cooperación coa Asociación Española contra o Cancro permitirá contribuír ao financiamento dos obradoiros ocupacionais enmarcados no seu Programa de atención integral ao enfermo de cancro. Así, colabórase no obradoiro de piscina, dirixido a mulleres diagnosticadas de cancro de mama co obxectivo de previr o linfedema, o efecto principal após a súa intervención cirúrxica. O convenio tamén posibilita a realización do obradoiro de fatiga oncolóxica, enfocado a promocionar un exercicio físico axeitado para os enfermos de cancro. O 50% das prazas dispoñibles son preferentemente para usuarios residentes no Concello de Narón.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …