Narón impulsa varias actividades de dinamización do galego durante o Nadal

A Concellería de Ensino impulsa este ano varias actividades a través do Servizo de Normalización Lingüística para dinamizar o uso do galego durante o Nadal. A edil responsable da área, Mercedes Taibo, presentou esta mañá as propostas, dirixidas á cidadanía en xeral e unha en particular ao sector comercial. A presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón, Olga Ameneiro, agradeceu a colaboración do Concello e tamén o feito de que pensase nos representantes do sector como vehículo a través do que canalizar unha das propostas, concretamente a campaña Cos meus mellores desexos.

Responsables dos corenta establecementos comerciais que se implicaron nesta proposta desprazáronse hoxe ao Concello para recibir cada un deles preto de duascentas etiquetas adhesivas para colocar nos agasallos que merque a clientela nos seus locais. Cos meus mellores desexos, Parabéns, Quérote e De alguén que te quere son algúns dos lemas elixidos para esta proposta, que conta tamén coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística. «Con esta proposta facilitamos aos comerciantes material atractivo para que poidan levar a cabo parte da súa actividade na nosa lingua, e tendo ademais en conta o feito de que estas etiquetas poderán empregalas en calquera outra época do ano», destacou Taibo, que agradeceu a colaboración dos comerciantes implicados nesta proposta.

Así mesmo, a edil de Ensino anunciou que un ano máis se incluíron postais navideñas na páxina web do Concello. Trátase duns modelos cos que a veciñanza pode felicitar estas festas aos seus familiares e amigos, e compartir a través das redes sociais, e que se poden descargar a través do enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/servizos_municipais/nadal2016. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello ofrece ademais asesoramento lingüístico aos usuarios deste servizo para os textos das súas felicitacións navideñas.

Entre as propostas desta concellería está tamén a de Panxoliñas de Nadal nas escolas infantís, a través da que se aprenderá aos máis pequenos un amplo relatorio de cancións tradicionais galegas do Nadal. A actividade conta coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón, que Taibo agradeceu, a través dos grupos de pandeireta da Fundación Terra de Trasancos, do Val, e de Sedes. A primeira das agrupacións actuará o luns 19 de decembro na escola infantil de Xuvia ás 10 horas e na da Solaina ás 11. Así mesmo, os días 20 e 21 de decembro será o turno do grupo de pandeireta de Sedes, que actuará nas escolas infantís de Piñeiros e A Gándara, respectivamente, a partir das 11:30 horas.

Por último, Mercedes Taibo recordou que o vindeiro 29 de decembro terá lugar a actividade BB Circus, unha aposta teatral baseada nas artes circenses dirixida aos máis pequenos da casa e ás súas familias. A compañía Asacocirco levará ao Pazo da Cultura, ás 18 horas, este espectáculo para nenos de 6 meses a 6 anos, e con entrada de balde, debendo recollerse as invitacións na billeteira do Pazo. A concelleira de Ensino incidiu en que as familias que asistan deberán entregar tamén produtos alimenticios ou de hixiene, sobre todo dirixidos aos menores, o día do espectáculo, para posteriormente entregalos no Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Lea también

Renovación das licenzas de venda ambulante para o feirón de Santa Icía en Narón

O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, recordou que o Concello  de Narón mantén …