Galería Sargadelos, unha triste perda para Ferrol

O 19 de Xuño de 1990 inaugurouse a Galería Sargadelos nun local da rúa Dolores de Ferrol. Anos máis tarde a Galería pasou ao actual local que ven ocupando na rúa Rubalcava, esquina rúa María. Deste xeito, durante máis de 26 anos de presenza en Ferrol, a Galería Sargadelos foi un referente da vida artística, cultural e social de Ferrol.

Ademais de dedicarse á venda de pezas dunha cerámica de fermoso deseño, tan prestixiosa e representativa da nosa terra, como é a cerámica de Sargadelos e á venda de variados libros en idioma galego e de temática sobre Galicia, incluídas as coñecidas publicacións de Ediciós de Castro, durante moitos anos a Galería foi a sede de celebración dunha ampla serie de actividades culturais e sociais de Ferrol e a súa comarca.

Nunha cidade tan compartimentada como Ferrol, onde coexisten múltiples asociacións culturais e sociais de diferente signo, foi sempre a Galería Sargadelos un lugar de encontro e reunión onde celebrar calquera tipo de actividade, ben se tratase da presentación dunha publicación, dunha mesa redonda, dunha mostra de pintura ou da celebración dunha conferencia.

A Galería Sargadelos situada nun lugar céntrico da cidade, foi sempre un lugar aberto a tódalas opinións e ideas, onde ninguén se encontraba incómodo senón todo o contrario. Un lugar acolledor, onde tanto as súas primeiras xerentes Chelo Loureiro e Fina Casal como a actual xerente Sonia Montero, pasando polos seus empregados e empregadas, salientaron sempre pola súa atención e amabilidade.

Non vai a ser doado que algunha outra entidade ocupe en Ferrol o lugar da Galería Sargadelos. Sen entrar nas razóns económicas ou empresariais do seu peche, os mellores desexos do Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.) para os seus donos e empregados.

No nome do Foro de Amigos de Ferrol, Juan J. Burgoa

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …