Rapaces de Narón participarán este Nadal no programa «Informática Divertida»

68 mozos de Narón participarán desde este xoves 22, e até o 30 de decembro, no programa municipal educativo INDI –Informática Divertida- organizado pola Concellería de Mocidade, Formación e Novas Tecnoloxías de Narón que dirixe Natalia Hermida.

A acción formativa, que está dirixida a rapaces de entre 7 e 15 anos, desenvolverase en cinco localizacións diferentes, catro da zona rural e a outra na aula Cemit situada no edificio do antigo Concello, e terá unha duración total de 35 horas. A través dela, as persoas inscritas traballarán, desde unha perspectiva lúdica, varios aspectos vencellados coa informática, entre os que destacan a iniciación á programación de videoxogos, a creación de blogs para usuarias e usuarios en idade infantil e xuvenil ou a elaboración de cómics en formato dixital.

A impartición do curso variará en función do lugar elixido. Así, tanto en Castro (11 inscritos), como no Val (10), Pedroso (12) e San Mateo (outros 10) a actividade principiará ás 09 horas e prolongarase até as 14 horas. No caso da aula Cemit, establecéronse dúas quendas, unha de mañá (no mesmo horario) e outra de tarde (de 15:30 a 20:30 horas, na que participarán 25 nenos.

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, subliñou que «o obxectivo da actividade é que os rapaces se introduzan no eido das novas tecnoloxías dun xeito ameno e divertido» e salientou, asimesmo, que permitirá non só contribuír á conciliación da vida familiar e laboral das familias, senón tamén a achegar os recursos informáticos «a todas as zonas do noso municipio».

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …