Cabanas facilitará a accesibilidade ó local de Lavandeira coa construción dunha rampa

O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá do inicio dunha serie de traballos de mellora da accesibilidade do local social de Lavandeira e tamén para a construción dun parque biosaudable, o segundo do municipio. As obras, engadiu o rexidor, contan cun orzamento de 33.710,60 euros e fináncianse con cargo ó Plan de Acción Social (PAS) 2015. O prazo de execución estimado é de dous meses.

Máis polo miúdo, Germán Castrillón explicou que a intervención no local social de Lavandeira contempla a demolición das escaleiras de acceso á pranta baixa, na parte traseira das instalacións, e a construción dunha rampa de formigón e instalación dunha barandilla de ferro galvanizado e lacada en negro de similares características á existente na parte dianteira. Deste xeito, facilítase a entrada ás persoas con mobilidade reducida, en cadeiras de rodas e mesmo ós carriños de bebés. Complementando esta intervención, o Concello procederá ó pintado dunha praza de estacionamento para minusválidos sobre o pavimento de formigón e colocará a pertinente sinal indicativa.

Así mesmo, o alcalde indicou que o entorno do local social de Lavandeira contará, grazas a esta actuación, co segundo parque biosaudable do municipio, despois do ubicado no Areal. Para iso, o Concello procederá á instalación dunha serie de aparatos de ximnasia para que persoas adultas poidan realizar actividade física.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …