Cabanas aproba os primeiros orzamentos en dez anos libres de sentenzas xudiciais

O Concello de Cabanas aprobou o pasado sábado, no ultimo pleno do ano, os Orzamentos para este 2017, que ascenden a 2.704.513 euros. «Os primeiros nos últimos dez anos que realiza o actual equipo de goberno sen as limitacións que traía consigo a sentenza polo edificio do Penso. Para afrontala, as contas incorporan os remanentes do ano 2016, cantidade suficiente para indemnizar ós afectados da segunda fase e executar as obras de demolición», sinalou o alcalde, Germán Castrillón.

Nesta liña, Castrillón apuntou que outro pleito xudicial, neste caso a reclamación interposta por Viaqua para a actualización e incremento das tarifas da auga que o goberno local rexeitaba, tampouco afectará ós orzamentos. dado que a Xustiza diolle a razón ó Concello e desestimou as pretensións da empresa concesionaria da auga. Neste punto, o alcalde lembrou que «Cabanas está coas tarifas do ano 2000 e que a empresa quería subilas dende 2003 sen presentar nin o custe do servizo nin a conta de explotación. Unha pretensión que custaría ós veciños de Cabanas uns 800.000 euros e que agora aforran co fallo xudicial», asegurou.

O alcalde sinalou que o Concello poderá afrontar máis investimentos nos programas de Cultura, Deportes, Turismo e Servizos Sociais, así como no Mantemento de Infraestruturas e Formación e Emprego. «Increméntanse as partidas das subvencións e dos convenios coas asociacións, ata os 20.000 euros. Establécese unha partida aberta de 15.000 euros para o edificio da Escola Laica a fin de afrontar a súa reparación e xestionar as axudas públicas necesarias para financiar as obras na súa totalidade».

«Como se acordou en Xunta de Voceiros, destinarase unha partida de 15.000 euros para o acondicionamento e mellora do pavillón de Lavandeira coa intención, como no caso anterior, de completar o orzamento necesario con subvencións doutras administracións. Co ánimo de avanzar en proxectos como o Circuito de Moto Cross nunha parcela municipal en Vilar do Colo as contas contemplan 5.000 euros», apuntou Castrillón.

A adquisición de maquinaria necesaria para obras e servizos elévase a 35.000 euros, namentras que outros 25.000 se destinarán a facilitar a incorporación efectiva do Concello na Administración dixital mediante a renovación dos equipos e modernización da rede e programas. Ademáis, o Concello contempla investir preto de 40.000 euros para limpeza de cunetas e desbroces.

«En definitiva, os mellores orzamentos posibles, que tentan atender as peticións recibidas por parte dos voceiros dos grupos con presenza na corporación e tamén as dos veciños e veciñas que acudiron ás xuntanzas celebradas nas parroquias», concluiu o alcalde.

Lea también

Una conductora herida al salirse de la vía el vehículo que conducía, en Fene

Cerca de las nueve de la mañana de este jueves se registró un accidente de …