Narón celebra o Día dos usuarios das bibliotecas distinguindo a dez «Usuarios de Honra 2017»

A Biblioteca municipal de Narón distinguirá este sábado a dez Usuarios de Honra 2017, nas categorías de Infantil e Adultos. Así o anunciou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que indicou que a convocatoria responde á celebración do Día do usuario das bibliotecas, que se conmemora cada 11 de xaneiro. O alcalde, José Manuel Blanco, presidirá este acto, que dará comezo ás 11:30 horas na planta baixa das instalacións da Biblioteca municipal, no Alto do Castiñeiro (rúa 25 de Xullo).

Con esta distinción, que se leva a cabo desde hai catro anos, recoñécese a un grupo de usuarios que destacaron «pola súa especial implicación coa biblioteca durante o ano anterior, neste caso o 2016», tal e como apuntou Taibo.

A edil naronesa avanzou que na categoría Infantil (ata 15 anos) recibirán a distinción: Adrián Muíño Dacal, Sophie Airado Nunes, Mouhamadou Laye Niang, Candela Cabezón Barro e Lovette Diatta Diatta. Na modalidade de Adultos, os Usuarios de Honra 2017 son Margarita Silvosa Iglesias, Andrés Martínez Riveira, Rosa Montero Ferro, Carlos Noche Golpe e Patricia Alcaraz Guitián.

O alcalde e a edil de Bibliotecas recibirán aos Ususarios de Honra nas citadas instalacións e entregaranlles un diploma acreditativo e un agasallo durante o transcurso do acto. A Concelleira de Bibliotecas destacou a excelente acollida que ten entre a veciñanza este servizo, desde o que se programan múltiples actividades ao longo do ano. Na actualidade, a Biblioteca municipal de Narón conta con 16.405 usuarios inscritos.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …