Trala reunión do BNG de Ares coa Confraría, compromiso a realizar as xestións necesarias para elaborar un Plan de Marisqueo a flote e a pé

O pasado sábado, concelleiros do BNG de Ares acudían -xunto co Responsable Local de dita organización- a unha reunión coa Confraría de Pescadores de Ares, para presentarlle unha iniciativa na que veñen traballando nos últimos meses. Trátase de que a Confraría elabore un «Plan de Marisqueo a flote e a pé», coa finalidade de poñer en valor os recursos naturais cos que conta a ría de Ares, cuestión que posibilitaría a creación de postos de traballo.

Nos últimos meses, unhas corenta embarcacións veñen marisqueando na enseada de Ares, da que extraen ameixa rubia, cun cupo de 25 quilos por persoa e día. Segundo apunta o portavoz do BNG, Emilio Mesías, «o feito de que esté considerada como zona de libre marisqueo, non lle permite á Confraría levar o control e xestión, e tampouco se posibilita que se poida poñer en marcha un novo nicho de emprego para a xente de Ares, polo que é necesario dar os pasos precisos para acadar esta finalidade a medio e longo prazo».

Pola súa banda, a directiva da Confraría ve con bos ollos a posibilidade de poder retomar novamente a xestión do marisqueo e anunciaron que comezarán a facer as xestións necesarias para o estudo e elaboración do necesario «Plan de Marisqueo» que deberá aprobar a Xunta, segundo apuntou o seu Patrón Maior, Juan Carlos Rey.

Mesías confía en que a xestión do marisqueo por parte da Confraría, sexa unha realidade no ano 2018.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …