Éxito da terceira andaina naronesa «Ponte en ruta con nós»

A terceira andaina convocada no marco da segunda edición do programa municipal do Concello de Narón «Ponte en ruta con nós», reuniu a un total de duascentas setenta persoas.

O éxito desta iniciativa, impulsada desde o Padroado de Deportes de Narón e a empresa Arasti Barca, consolídase a medida que avanza no tempo, tal e como se reflicte na excelente acollida que ten entre a veciñanza.

Nesta ocasión os camiñantes percorreron un tramo duns catorce quilómetros dunha ruta circular, con saída e chegada ao Castelo da Palma, no concello de Mugardos.

A vindeira saída programada adiantarase uns días debido á celebración do Entroido, polo que en lugar de ter lugar o 26 de febreiro, tal e como se anunciou inicialmente, será o día 19 do vindeiro mes de febreiro. Non haberá cambios no percorrido a realizar, con saída do convento de Baltar -a donde chegarán os participantes nun autobús que partirá do pavillón polideportivo da Gándara- ata a cooperativa de Covas, pasando polo Alto da Lagoa. Os participantes deben estar no punto de recollida ás 9.15 horas e unha vez rematada a ruta, en Covas, un autobús levará de regreso aos participantes ao polideportivo da Gándara.

As persoas interesadas en inscribirse na próxima andaina poderán facelo a partir do vindeiro mércores, 1 de febreiro, nas instalacións do pavillón polideportivo da Gándara, abonando a cota establecida, de tres euros. O horario para anotarse é de luns a xoves de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00. As prazas son limitadas e non poderán acudir menores se non van acompañados por un adulto.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …