Fene acolle o domingo o II Duatlón escolar do programa XOGADE

XOGADE é o acrónimo de XOgos GAlegos DEportivos en idade escolar. Un programa deseñado pola Xunta de Galicia co que se pretende achegarlle á rapazada de todos os concellos galegos a práctica do deporte, xuntando unha parte competitiva e outra lúdica. Abrangue múltiples disciplinas e, dentro do atletismo, Fene acollerá este domingo 12 de febreiro a fase provincial do duatlón escolar, no que poden participar cativería e mocidade nacida entre o 2001 e o 2008. O prazo de inscrición remata mañá martes mandándolle un correo á Federación galega de Triatlón, fegatri@hotmail.com, ou a deportes.coruna@xunta.es.

A proba de duatlón –que combina carreira a pé e en bicicleta– sairá do paseo marítimo de San Valentín ás 11.00h. do domingo e percorrerá a Avenida do Mar e a rúa Tellerías, aínda que con horarios e distancias distintas para cada categoría.

Neste sentido,agrárdase reunir arredor de 250 nenos e nenas e adolescentes con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos pertencentes ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete masculino e feminino. Poden formar parte de equipos ou competir a xeito individual con licenza federativa, aínda que tamén poden inscribirse centros de ensino, anpas, clubs, escolas deportivas municipais, etc., de calquera parte de Galicia, estean ou non federadas. En calquera dos dous casos a inscrición é gratuíta.

A primeira saída daráselle á categoría Benxamín ás 11.00h. cun percorrido inicial á carreira de 500 metros, logo 2 km en bici e, para rematar, 250m de novo á carreira. Ás 11.30 sairá a competición Alevín, con 1000 metros correndo, 4 km en bici -dúas voltas ao circuito-, e 500 metros finais á carreira. En Infantil a saída darase ás 12.10 e deberán completar 1500 metros correndo -2 voltas ao circuíto do paseo marítimo-, 6 quilómetros en bicicleta -3 voltas ao circuíto de Tellerías- e rematar con 750 m de carreira a pé. Por último, a categoría Cadete sairá ás 12.50h. para facer 2 quilómetros correndo, 8 quilómetros en bici e un quilómetro final á carreira.

Os dorsais deberán retirarse no pavillón da Xunqueira ou nos boxes de carreira desde 45 minutos antes do comezo de cada proba ata 10 minutos antes da saída. A carreira rexerase pola normativa do Regulamento de Actividade deportiva en idade escolar da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que é quen promove tanto esta como o resto de competicións do calendario XOGADE.

A organización corre por conta do Triatlón Ferrol, o Concello de Fene, Lodeco SLU e a Federación Galega de Triatlón, coa colaboración de NorInver. Ademais, na loxística da carreira e no apartado de seguridade tamén colaboran a Policía Local e maila agrupación de Protección Civil de Fene.

Lea también

Partido Ecoembes, pistoletazo de salida a la campaña “Somos especiales, reciclamos”

El domingo 31 de marzo y como parte de la campaña «Somos especiales, reciclamos» que el …