Este domingo arranca a Campaña de esquí 2017 posta en marcha pola Deputación

A “Campaña de esquí 2017”, posta en marcha pola área de Deportes da Deputación da Coruña, arranca este  domingo, 19 de febreiro coa recollida dos nenos e nenas nos lugares de saída seleccionados para comezar a excursión á Estación de Esquí de Leitariegos (León).

Os 100 participantes nesta primeira etapa partirán o domingo 19 de febreiro dende dous lugares de saída: o primeiro autobús con 30 nenos procedentes da cidade de Coruña sairá dende a explanada do Pavillón de Deportes de Riazor, as 15:00 horas, mentres que o segundo autobús cos 70 nenos restantes, que pertencen a 13 concellos da comarca de Ferrolterra (Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, Somozas e Valdoviño), sairán dende o Recinto Ferial FIMO (Ferrol) as 16:00 horas.

A nova edición da “Campaña de esquí 2017” ten como obxectivo fomentar o deporte entre os máis pequenos ao mesmo tempo que comparten unha aventura turística.

500 nenos da provincia aprenden a esquiar coa Deputación

Un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses, entre os 10 e os 14 anos, participarán nesta excursión a neve distribuídos en cinco quendas diferentes e gozarán dun itinerario variado onde asistirán a clases de esquí con monitores especializados, actividades nocturnas, concursos, festa de benvida e unha entrega final de diplomas.

As viaxes inclúen o transporte, a estadía de cinco días en Leitariegos, as actividades controladas con monitores, seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto ocasionado polos cursos programados.

A estación de esquí de Leitariegos (León), na comarca de Laciana, nunha paraxe natural reserva da Bioesfera que limita co Principado de Asturias, e conta con dez pistas de esquí balizadas de distintos niveis (5 vermellas, 4 azuis e unha verde) e un snowpark, así como unha escola na que ofrecen clases de estas actividades.

Toda a información cos itinerarios correspondentes as quendas de saída dos diferentes concellos irán publicándose na páxina web da deputación da Coruña www.dacoruna.gal.

Lea también

El Sergas licita por 629.200 euros la compra de 16 ecógrafos

El Sergas publicó la licitación, por un importe de 629.200 euros, para el suministro de …