Caen as primeiras velutinas da temporada en San Sadurniño

Velutinas capturadas onde en Naraío – Concello de San Sadurniño

Xa están aquí. Entre tanta couza guatemalteca case son falamos nada da outra praga –por certo, non declarada– que nos ameaza: a avespa asiática. Co inverno tan atípico que tivemos semella que as raíñas fundadoras de novas colonias acurtaron o seu período de letargo e desde hai uns días xa se ven algúns exemplares frecuentando árbores e plantas de floración temperá. Este é o momento ideal para poñer trampas e capturar cantas máis avespas poidamos. Porque…, por cada avespa que caia agora nunha trampa, quizais teñamos un niño menos do que preocuparnos máis adiante. E, en efecto, quen está trampeando xa está empezando a coller velutinas.

A foto que acompaña esta nova é de dúas avespas asiáticas capturadas onte en Naraío ao pé dunha camelia. A trampa era a do modelo «botella-de-auga-recurtada-e-cun-funil-lateral» que calquera pode facer na casa seguindo uns sinxelos pasos que se explican nun vídeo producido polo Concello de San Sadurniño hai tres anos.

Como cebo só se utilizou cervexa, sinal de que nesta época as avespas se van case a calquera cousa que teña alcol e hidrato de carbono. Unha mestura que disque funciona ben é a que combina cervexa (40%), viño branco (outro 40%) e zume de arandos ou doutra froita doce (20%). Este atraente –ou outro de tipo comercial– debe botarse nas trampas sen enchelas, abonda con tres ou catro dedos de produto que cómpre renovar cada 10 ou 15 días sen lavar a botella e deixando dentro unha ou dúas avespas.

Pero…¿onde se colocan as trampas e cantas debemos poñer?. Cantas máis mellor e por todos os lados, aínda que o máis efectivo neste momento é poñelas preto de árbores e arbustos en floración. Ao carón das camelias –que hai en case todas as casas– é un bo sitio. Outro lugar axeitado son as proximidades dalgún sitio onde se detectase un niño a temporada pasada, xa que as fundadoras non adoitan distanciarse moito dos sitios onde naceron.

Neste momento a dieta das velutinas non é carnívora, polo que non atacan as colmeas. De aí que as trampas a base de alcol e azucres funcionen ben cerca das áreas onde recollen pole e outros compoñentes que, ademais de alimentalas, lles son necesarios para empezar a construír o seu niño primario. Por iso tampouco son efectivas cerca dos colmeares, onde se recomenda trampear máis adiante, cando se detecten os primeiros ataques.

A estas alturas practicamente todo o mundo sabe o ciclo das velutinas: saen do letargo a finais do inverno, constrúen un pequeno niño primario no que crían un pequeno exército e, andando a primavera, cambian a un lugar máis elevado para empezar a edificar o niño secundario, que irá medrando en tamaño e ocupantes até finais do outono.

Durante as distintas épocas do ano tamén cambia a súa dieta. Agora chuchan nas plantas e flores coma calquera abella, a mediados ou finais da primavera empezarán a atacar as colmeas para obter proteína coa que alimentar a súa prole larvaria e, desde principios do outono, volverán á dieta vexetariana papando figos, mazás, uvas e calquera froita madura. A principios do inverno as colonias morren, os niños fican abandonados e as fundadoras de novas familias gárdanse en buratos para aletargarse ata que as condicións ambientais sexan as idóneas para repetir de novo todo este ciclo.

Xuntanzas informativas

San Sadurniño foi un dos municipios pioneiros na concienciación e na loita contra a vespa velutina nigrithorax. Lévanse publicado vídeos e feito ducias de charlas sobre a cuestión en colaboración coa delegación da AGA-Ferrolterra e coa Casa do Mel de Goente. Unhas charlas que agora, coincidindo coa primeira campaña anual de trampeos, se retoman polas distintas parroquias. Xa hai data posta para todas elas:

27 de marzo no local social de Santa Mariña do Monte

28 de marzo no local social da A.VV. Adiante de Igrexafeita

29 de marzo no local social de Bardaos

31 de marzo no local do Camiño Arriba e no local social de Lamas

3 de abril no local social da Veiga, en Naraío

4 de abril na Casa da Xuventude, en San Sadurniño

5 de abril no local social da Seara, en Ferreira

Todas as xuntanzas serán ás 18.00h. e nelas volverá incidirse na importancia de trampear e de vixiar a contorna para destruír niños primarios.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …