O Concello de Fene licita as obras de renovación de servizos e pavimentos na avenida das Pías

Avenida das Pías – Concello de Fene

O Perfil de contratante do Concello de Fenea plataforma en liña onde se dá conta das licitacións de obras e outros contratos– publicou nesta mañá de martes a licitación da renovación dos servizos e os pavimentos na avenida das Pías, cun importe de saída de 355.000 euros ive incluído, sufragados con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. As obras proxectadas abranguen desde a saída da rotonda de Astano ata o cruzamento de Fene e veñen completar a reparación e a mellora da accesibilidade da avenida tralos traballos acometidos con anterioridade na beira norte.

Os traballos consistirán na renovación das redes de abastecemento de auga que discorren pola marxe sur da estrada FE-14, posto que teñen unha antigüidade superior a 40 anos. De feito é habitual que se produzan fugas e roturas polo que en máis dunha ocasión provocaron danos por falta de subministración e inundacións.

As novas tubaxes instalaranse nun tramo de preto dun quilómetro, incluíndo os ramais para abastecer as acometidas domiciliarias existentes, e estarán realizadas en fundición e polietileno. As augas derivaranse cara un novo colector de saneamento, que se situará na marxe dereita da avenida. Ademais tamén se aplicará unha impermeabilización asfáltica bicapa nas cubertas dos sotos, co obxectivo de evitar futuras humidades.

Porén, alén da infraestrutura hidráulica, a segunda parte do proxecto tamén se centra na accesibilidade renovando as beirarrúas nesta banda da avenida que quedaba pendente.

Así, o proxecto recolle a colocación dun novo enlousado ao longo de todo o trazado obxecto da actuación onde, ademais, se construirán rebaixas para persoas con mobilidade reducida. Os planos tamén recollen mellorar o acceso peonil desde a avenida das Pías á igrexa de Perlío. O resto dos pavimentos afectados polas obras reporanse con rego asfáltico e aplicarase pintura específica con textura antideslizante nos pasos peonís.

As obras levaban varios meses previstas e co proxecto preparado. Porén, o Concello debeu agardar á autorización de ADIF para poder licitalas, posto que se vai ver afectado o viaduto que sortea a vía do tren e maila rúa Tellerías. O contrato para levalas a cabo sae a concurso cun prezo de partida de 293.504,35 euros (355.140,26 ive incluído), que se sufragarán con cargo ao Plan de Acción Social convocado pola Deputación da Coruña en 2016. As empresas que queiran presentar as súas ofertas teñen até o 10 de abril ás 14.00h.

Lea también

Efectivos del GES de Ortigueira localizaron a una mujer que estaba desaparecida

Efectivos del Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES de Ortigueira lograron localizar a una vecina de esta …