O Pazo da Cultura acollerá a vindeira semana a estrea da obra “Será por camiños”

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro xoves, día 23 ás 20.30 horas, a estrea do espectáculo “Será por camiños”. A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou que se trata dun novo traballo escénico da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores producido polo Padroado da Cultura de Narón. Os profesores responsables da dramaturxia desta obra son José Prieto e Manuel Areoso e a dirección corre a cargo de Celia González. Será o alumnado do último curso da citada Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón o encargado de interpretar aos diferentes personaxes desta peza teatral. Ferreiro destacou “a intensa labor desenvolvida durante o último curso polas alumnas e alumnos que actuarán nesta obra, así como polo profesorado da Escola que, desde o primeiro momento, colaborou artísticamente neste interesante proxecto e aos autores desta obra en particular, José Prieto e Manuel Areoso”. As entradas poderán adquirirse na billeteira do Pazo da Cultura, a un prezo simbólico de dous euros, a partir de mañá en horario de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

A historia “Será por camiños” ten como eixo central o Camiño de Santo André e “leva implícito un arduo traballo de investigación tanto histórica como mitolóxica sobre as diferentes lendas desta milenaria ruta de peregrinación”, tal e como subliñou Ferreiro.

O espectáculo, dirixido a todos os públicos e de algo máis dunha hora de duración, remóntase no tempo ao século XIII, e unha das súas protagonistas é Renata de Castro, unha muller procedente dunha familia da nobreza que foxe do Mosteiro do Couto dun matrimonio de conveniencia que, ao seu pesar, decidiu levar a cabo a súa familia. Ela inicia con Gaspar, un xograr que estaba tamén no citado mosteiro localizado en Narón, o camiño dende O Couto ata San Andrés, e ambos vivirán intensas aventuras e aprenderán numerosas historias da man de personaxes que irán atopando polo camiño.

O elenco desta obra estará formado por Carmen Caeiro, Xone Sanlópez, Susana Mauriz, Lidia Piñeiro, Luis Pillado, Maite Gayet, Xoán Padín, Álex Combarro e Ángel Villar, todos eles de terceiro curso da Escola de Teatro e con idades comprendidas entre os vinte e os máis de cincuenta anos.

A Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón conta na actualidade con preto de medio centenar de alumnas e alumnos, tal e como recordou Ferreiro. A vicepresidenta do Padroado da Cultura animou á veciñanza a asistir a este espectáculo “no que poderán gozar dunha interesante obra teatral e tamén coñecer de primeira man o traballo que desenvolve e os avances do alumnado da Escola de Teatro de Narón”.

Lea también

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son …